A exposición multimedia sobre Valentín Paz-Andrade chega á biblioteca nodal de Lugo
Onde: Biblioteca nodal de Lugo Avda. Ramón Ferreiro, s/n
Data: Dende o 2 até o 13 de outubro
Organiza: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria
A exposición multimedia sobre Valentín Paz-Andrade organizada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pode visitarse na biblioteca Nodal de Lugo desde hoxe ata o 13 de outubro. Logo do seu paso polas bibliotecas nodais de Pontevedra e de Santiago de Compostela, a mostra sobre a vida e a figura do escritor e político chega á provincia de Lugo.
Esta exposición que promoven a Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística forma parte das actividades que a Xunta de Galicia promoveu este ano arredor das Letras Galegas 2012, co obxectivo de celebrar esta efeméride e de impulsar a difusión social da vida e da obra de Valentín Paz-Andrade.
Con este fin, a mostra conta con cinco paneis con textos explicativos sobre as diversas facetas do escritor e empresario. Ademais, cada un deles inclúe audiovisuais nos que diferentes coñecedores da traxectoria do escritor amosan a súa visión sobre Paz-Andrade, entre os que se encontran o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; o xornalista e escritor Tucho Calvo e o filólogo Gregorio Ferreiro.
Percorrido polas catro provincias
A exposición percorreu durante o primeiro semestre do ano centros educativos dos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vila de Cruces, Mazaricos, Sada, Vigo, Xinzo de Limia, A Pobra de Trives, Sarria e mais Navia de Suarna. Logo da parada estival, a mostra retomou a súa itinerancia o pasado mes de setembro na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra, para continuar na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela.
Tras o seu paso por Lugo, onde permanecerá ata o día 13 de outubro, a mostra proseguirá a súa viaxe pola comunidade galega para difundir entre a cidadanía a vida e a obra do escritor e empresario. Nos próximos meses, a exposición chegará a novos espazos públicos de Galicia. A biblioteca nodal da Coruña acollerá a mostra do 16 ao 29 de outuro. Xa no mes de novembro, a Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Política Lingüística levarán a exposición ata o Espazo Xoven de Ourense no mes de novembro. Finalmente, a itinerancia rematará no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, a onde chegará no mes de decembro.