"A oración da montaña"
30/01/2013
Valentín Paz-Andrade pertence, por cronoloxía e afáns, ao grupo novecentista, tamén denominado Xeración de 1925, un conxunto de poetas nados arredor do ano 1900 que tivo como principal profesión de fe renovar e introducir na modernidade a poesía galega. Foi este, no entanto, un grupo moi heteroxéneo, no que as circunstancias persoais de bo número dos seus membros, así como os acontecementos históricos, frustraron moitos dos horizontes por eles anhelados.
Valentín Paz-Andrade, quen estivera en contacto con algúns dos membros máis destacados deste grupo durante a década de 1920, non descubriría, no entanto, a necesidade de se expresar poeticamente ata ben tempo despois, cando xa tiña case corenta anos. Tería lugar este descubrimento persoal en 1937 durante o desterro forzado que, por orde gobernativa, se ve obrigado a padecer na Serra de Queixa. Moito tempo despois, en 1982, relatáballe así ao xornalista Tucho Calvo cómo xurdira nel esa “chamada”:
[...] En canto á vida do espírito, experimentei unha chamada que non sentira denantes. Eu, que me formara ao lado dun poeta [en referencia ao seu tío Xoán Bautista Andrade], non fora tentado aínda polas musas. Foi na soidade albacenta onde sentín a necesidade de me expresar en verso. Sospeito que foi unha evasión provocada polo trauma moral. Dos seus froitos aproveitei pouco nos libros anos despois editados.
E, máis adiante, nesta mesma entrevista, matizaba que:
Foi no máis deshumano dos desterros que sufrín, no bloqueo dunha invernía illado no mais alto poboado da Serra da Queixa, cando a expresión poética me tentou, cal unha arte de evasión. Cando a tomei como si descubrira unha nova fronteira tras da que puidera atopar un acento de liberdade, para fuxir da opresión.
En calquera caso, Valentín Paz-Andrade non dará ao prelo o seu primeiro poemario ata 1955, ano en que, en Ediciones Galicia del Centro Gallego de Buenos Aires, publica, en edición bilingüe con tradución ao castelán de María Villarino, Pranto matricial, un canto elexíaco á memoria do seu amigo admirado Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
De 1968 é o seu segundo libro de poemas, Sementeira do vento, publicado na colección Salnés da Editorial Galaxia. Compoñen este poemario catro libros autónomos nos que inclúe poemas compostos en distintas épocas da súa vida, sendo un deles Pranto matricial, que ten así unha segunda edición.
Antes do seu falecemento, Valentín Paz-Andrade aínda publicaría un terceiro libro de poemas, o máis persoal e libre de todos os seus textos poéticos editados: Cen chaves de sombra, que sae á luz, baixo o selo editorial de Ediciós do Castro, en 1979. Abre este poemario un limiar do tamén poeta Lorenzo Varela (homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2005), quen igualmente o pecha cun epílogo poético.