Galiza e a evolución
02/08/2012
Con Paulo Rónai en Castrelos. Vigo, 1982
Partindo das premisas que nos impoñen os feitos consumados, pode chegarse axiña ao ponto crítico. ¿Qué camiño debe escoller Galiza par-a axustar a futura evolución da súa lingua? A pregunta presupón que o porvir da nosa fala, non pende somentes dos factores alleos que veñen interferindo a sua rehabilitación en cheo ¿Non pode d-algún xeito estar recramando certa virada no rumo da política interna do idioma?
Unha é a evolución continxente que deica agora seguíu. Outra a que en adiante deba ter. Aínda que a opción non veña por primeira vez ás nosas maos, podemos estar chegando ao intre no que deba ser exercida. O galego ha de seguir mantendo unha liña autónoma na sua evolución como idioma, ou ha de pender a mais estreita similaridade co-a lingua falada, e sobre todo escrita, de Portugal e-o Brasil? Os termos da cuestión non deben ser tomados no senso de que o galego, pra marchar en maior irmandade formal co portugués, teña que deixar de ser o que é.
Non se pretende chegar a unificación literal. Mais trátase de conter a disociación, facendo os axustes necesarios pra aproveitar as ventaxas mútuas que un intertroque permanente podería proporcioar. A ninguén se lle oculta que, da parte de Galiza, hai a gañar moito mais que a perder, si a relación entre unha e outra fala se avivece e sostén.
Non sô pol-o perfeccionamento que se acadaría prô idioma como meio de comunicación debido ao maor uso na área falante do portugués. Tamen porque abriría pra nosa producción literaria un mercado de posibilidás mais alá de todo cálculo. E ainda, como recíproca doación, o enriquecimento lexico-gráfico que derivaría, por unha banda do mais íntimo achego ás fontes, e por outra, da familiarización galega c-unha literatura de calidade e alento humano extraordinarios, como é n-este intre a que se fai no Brasil.
O cadro xa é hoxe ben tentador. Moito mais o será deica poucos anos, pol-o camiño que leva o mundo.
Fragmento de "A evolución tras-continental da lingua galaico-portuguesa"
Editado en "O provir da lingua" Lugo 1968