O tesouro esquecido. A galecidade na obra de Guimarães Rosa
06/08/2012
Metido no análise da obra – que Luis Vidal Reis e outros amigos de São Paulo e Rio me remitiran-, dei con algúns achados. Non soamente lexico, modismos, mitos, costumes, leendas, adaxios. De todo un fondo socio-cultural de galeguidade que sobreviviu por seculos isolado no Brasil interior. No “Sertão” estatico e profundo, pouco comunicado con o Brasil litoral. Elementos etnograficos en sobrevivencia activa dos que foran cintra transportadora -como din os antropologos- os primeiros emigrantes da colonización.
Pensei que pagaba a pena de o incorporar como un elemento prestixidor a literatura galega. E dandolle o marco mais nobre que pudera ter oa meu alcance. Lembréime que, desde o ano 1964 -facía xa mais de once- eu viña nomeado numerario da Real Academia Galega. E tiña comprometido con Otero Pedrayo -o primeiro dos propoñentes- a resposta ao discurso de recipendiario. Con semellante predisposición mental decidinme a estudar a fondo a dosis de galecidade viva na obra fulgurante do autor de “Sagarana”. A comenzos do ano 1975 puxen man a tarefa. Cando se presentóu a oportunidade no mesmo ano de voltar a Sud-America, era lóxico aproveital-a para ambientar e documentar o traballo que traguia entre mans.
Valentín Paz-Andrade. A memoria do século.
"Toda lingua son rastros de vello misterio" João Guimarães Rosa
As sete palabras antepostas semellan artelladas adrede para cifra de unha tesis. Son sete moedas semánticas, que xogan unha a unha súa baza saussuriana de significante e significado. Cal se as ordeara o pensamento de facer aboiar certa estructura socio-cultral aínda máis ou menos encuberta. A “estructura nai”, qu subxace no campo temático que nos propoñemos descortinar, i-en cereta longuar percorrer.
Baixo a morea dos vestixios que o autor evoca -os “rastros do vello misterio”- no chan d-unha terra bravía e lonxana, vexetaba o segredo ensombrecido. O tesouro achegado en séculos xestatorios, que fora ficando esquecido e transposto. Aquele que Jõao Guimarães Rosa viña chamado a descriptar. E a moito máis. A recoller, a salvar, a incorporar na maxia do seu arte de escritor vocacional, dobrado n-unha audaciosa dimensión. A de ser recriador da lingua, vella de séculos, e forxador d-un estilo, levado a níveis estéticos endexamáis conqueridos.
Nas capas do herdo etnográfico, asimiladas pol-o proceso de formación de un país, e singularmente na agra aberta da oralidade recibida, o mago mergullóu as súas maos non simplemente apañadoras do material esparso: vocabular, sintáctico, modal, aforístico, etc. As maos hiperdotadas de dúas capacidades esgrevias: memorialidade e creatividade. E algo máis: en dous sensos polarizadas a un tempo cara a tradición e cara a inventividade, conxugando unha con a outra. Até chegar, como no verso de Neruda, a “lo más genital de lo terrestre”.
Por un fado tan alleo ao pensamento canto a vontade de Guimarães Rosa -mais non a súa persoal eisixencia de autenticidade e selectividade, a súa maiéutica-, a materia de Galiza resultóu subsumida na obra. De Galiza como unidade orixinaria de unha cultura. Non somentes chamada a perdurar. Chamada tambén a se transfundir na órbita de outros povos con máis benevolentes fados na súa evolución histórica.
Foi de avondo a teimosía rosiana de recurrencia as fontes, para aquele resltado sincrético poder coallar como n-un prodixio. Elementos galegos que perderan vixencia no portugués, maormente no literario, ou que dentro da mesma área da comunidade lingüística viñeran a menos, se non ficaban esmorecidos, recobran a súa plenitude ou a súa pristinidade na obra rosiana. Reagroman non tecidos do idioma con insospeitados valores expresivos, con beleza reconquerida.
*Fragmento de A galecidade na obra de Guimães Rosa. Ed. do Castro 1978