Cronoloxía ampla
1898, abril, 23. Nace no barrio de Socorro de Lérez, Pontevedra. Fillo de Matilde e de Francisco. É o vinculeiro, logo virán dúas irmás: Matilde e Carmen. Infancia e estudos primarios e de segundo ensino en Pontevedra. Amais vai ser iniciado nas letras polo seu tío materno e veciño Juan Bautista Andrade, autor de libros de poemas en castelán.
1906. Morre a súa nai Matide.
1916. Coñece a Castelao en Pontevedra.
1917. Comenza os estudos de Dereito en Santiago.
1917, outubro, 20. Propón un Ateneo escolar en Santiago de Compostela que non calla.
1917. Primeiras colaboracións xornalísticas en La Correspondencia Gallega e en Alma Galaica, de Pontevedra.
1919, xaneiro. Fala para os universitarios nun mitin das Irmandades da Fala na Sociedade Económica de Amigos do Pais en Santiago.
1919, novembro, 7-9. Asiste á asemblea nacionalista celebrada en Santiago. Colabora no vespertino Gaceta de Galicia, en Santiago
1919, novembro. Promove a tentativa de formar un grupo autonomista galego de estudantes en Santiago. Fracasa.
1919, decembro, 20. Nace Pilar Cilda Rodríguez. Filla de Alfonso Rodríguez Losada, un habaneiro retornado a Trives, coa que casará o 3 de marzo de 1939.
1920?. Fai o servizo militar en Pontevedra.
1920, xaneiro. Preside Xuventude Nazonalista en Santiago de Compostela.
1920, marzo. Trasládase a Vigo para fundar a Xuventude Nazonalista Viguesa.
1920, setembro. Comeza a colaborar en A Nosa Terra.
1921, maio. Licénciase en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e comenza a exercer a avogacía na Audiencia de Pontevedra.
1921, xullo. É chamado a filas e embarca en Vigo como soldado de cota co rexemento Murcia con destino á fronte de África. É destinado en Laucien e Xauén. Desde Tetuán, escribe artigos para El Noroeste da Coruña. Algúns destes artigos se reproducen en Progreso, Pontevedra.
1921. Comeza a novela "Soldado da morte". Inacabada.
1922. É ferido na fronte de guerra en Marrocos desde onde é evacuado en barco ata Murcia.
1922, xaneiro. Chega a Vigo como quinto repatriado e trasládase á Coruña. Na redacción de El Noroeste propónenlle colaborar nun novo xornal que se vai editar en Vigo.
1922. Trasládase a Vigo.
1922, maio, 27, sábado. Inaugúrase a exposición dos debuxos de Nós no Salón Recreo de Artesanos en Pontevedra. Presentación a cargo de Valentín Paz-Andrade.
1922, xullo, 25. Sae o primeiro número do xornal Galicia, de Vigo, do que é redactor xefe. En agosto convértese no seu director.
1923, abril, 8. Participa na concentración contra o novo imposto contribuínte no Circo-Teatro de Pontevedra.
1923, setembro, 14. Debido o seu editorial contra a ditadura de Primo de Rivera é citado diante do gobernador militar de Vigo. Non se aceptan as críticas á recen nada ditadura.
1924, maio, 28 e 30. Publica uns artigos no Galicia, Vigo, polos que debe de ir ao cárcere.
1924, xullo, 1. Ingresa no cárcere de Vigo por dous artigos publicados no xornal Galicia. Múltano e permance quince días. Sae o día 15.
1924. Vaise Cádiz do Galicia e créase unha Sociedade Anónima con Valentín Paz-Andrade como primeiro accionista pero non conseguen cubrir o capital escriturado.
1925, decembro, 24. O gobernador civil de Pontevedra decreta a suspensión indefinida do Galicia. Paz-Andrade viaxa a Madrid e consigue que o ministro de gobernación revogue a orde de suspensión. O Galicia edítase de novo o 1 de xaneiro de1926.
1926, setembro, 15. Desaparece de vez o xornal Galicia.
1926, outubro. Volve exercer a avogacía en Vigo.
1927, abril, 1. D. José Barreras funda Industrias Pesqueras, revista marítima quincenal na que colabora dende os primeiros números.
1927, abril. Faise cargo do asesoramento da Sociedade de Armadores de Bouzas La Marítima
1927, decembro. Visita París e os portos de Bretaña.
1928. Publícase o seu primeiro libro técnico Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema, editado pola Unión de Entidades Viguesas.
1928, novembro. Defende aos autores do roubo e crime da fábrica do Areal en Vigo
1929, xaneiro, 1. Asina un artigo en Industrias Pesqueras, Vigo, co pseudónimo "Mareiro" por primeira vez.
1930, xaneiro. Participa na fundación do Grupo Autonomista Galego, en Vigo, do que é nomeado presidente.
1930, febreiro. Viaxa a Lisboa e a Madrid. Chega a Vigo o 25.
1930, marzo, 25. Pacto de Lestrove
1930, xullo, 10. Constitúese en Ourense a Asociación de Escritores Galegos: presidente: Otero Pedrayo, vicepresidente primeiro: Villar Ponte, vicepresidente segundo: Castelao, vicepresidente terceiro: Noriega Varela, secretario xeral: Álvaro de las Casas, vicesecretario: Cándido Fernández Mazas, tesoureiro: Vicente Martínez Risco, contador: Roberto Blanco Torres, bibliotecario: Jacinto Santiago, vogais: Paz-Andrade, Rafael Dieste, Jesus Bal, Florentino Lopez Cuevillas, Felipe Fernandez Armesto.
1930, xullo, 25. Mitin no García Barbón en Vigo e xantar popular de afirmación galeguista no parque da Barxa.
1930, agosto. Créase o Grupo Autonomista Galego integrado por Valentín Paz-Andrade, Ovidio Seoane López, Antonio Temes, Federico Zamora Vicente.
1929, agosto, 29. Xuntanza galeguista en Mondariz.
1930. Publícase A siñificación espiritoal do Día de Galiza de Ramón Otero Pedrayo. O Galeguismo no Arte de Alfonso R. Castelao. A nosa definición autonomista de Valentín Paz-Andrade. Grupo Autonomista Galego. (A Cruña: Nós).
1930, setembro, 3. Morre o seu tío Juan Bautista Andrade en Pontevedra.
1930, setembro, 25. Participa na reunión do Pazo de Barrantes. Asisten nacionalistas de tódalas tendencias (Castelao, Otero Pedrayo, López-Cuevillas, Álvaro de las Casas...), republicanos da ORGA (Peña Novo), filorradicais (Basilio Álvarez) e centristas (Portela Valladares) non hai fusión orgánica e acordan uns obxectivos comúns.
1931, xaneiro, 11. Realízase a asamblea constituínte do Grupo Automomista Galego. Elíxese o Consello Directivo e os membros das seccións. Valentín Paz-Andrade sae electo como presidente.
1931, marzo, 27. O GAG é rexeitado pola fronte prorrepublicana de Vigo. Dada a súa heteroxeneidade opta por presentar candidatura propia ás eleccións municipais. Logo non o fará.
1931. Redacta, con outros catro membros do Seminario de Estudos Galegos o anteproxecto do Estatuto de Galiza.
1931, abril, 19. Valentín Paz-Andrade proponlle a Castelao en Pontevedra que encabece a candidatura das minorías nas eleccións a Cortes Constituíntes. Castelao acepta a proposta.
1931, abril, 22. O Grupo Autonomista Galego tenta crear unha candidatura nacionalista na provincia de Pontevedra para a que forma un comité electoral presidido por Ramón Fernández Mato.
1931, abril, 23. Manifesto do Grupo Autonomista Galego a prol da República federal e a prol da autonomía para Galicia.
1931, abril, 26. Participa no acto de homenaxe aos mártires de Carral organizado polo Grupo Autonomista de Vigo no teatro García Barbón.
1931, abril, 28. Mitin na Coruña. Falan Otero Pedrayo, Paz-Andrade, Carvalho Calero e Castelao.
1931, maio, 3. Mitin no teatro Principal de Pontevedra. Falan Castelao, Carvalho Calero, Álvaro de las Casas, Otero Pedrayo e Paz-Andrade.
1931, maio, 10. Mitin no Teatro Principal de Santiago da candidatura galeguista organizado pola Agrupación Nazonalista Independente de Santiago no que participaron Hernâni Cidade, Antón Vilar Ponte, Salvador Cabeza de León, Ricardo Carvalho Calero, Álvaro de las Casas, Valentín Paz-Andrade, R. Otero Pedrayo, Banet e Tobío. Cerra o acto Castelao. Logo mitin en Padrón.
1931, maio, 19. Mitin en Fornelos. Participan Castelao, Valentín Paz-Andrade e Ramos Martínez.
1931, maio, 31. Participa xunto con Iglesias Vilarelle nun mitin no salón Míguez de Redondela e en Tomiño.
1931, xuño, 1. Asiste en Pontevedra á constitución legal do Grupo Nazonalista Galego de Pontevedra. Na mesma sesión se aproban os estatutos xa presentados no Goberno Civil e se fai lectura das normas aprobadas. Consello executivo queda constituido da seguinte forma: presidente, Castelao; vicepresidente, Antonio Iglesias Vilarelle; secretario Xoán Vidal Rodríguez. Asisten tamén Alexandre Bóveda, Xosé Filgueira Valverde e Claudio Losada ente outros.
1931, xuño, 2. Asiste xunto con Enrique Iglesias, Victor Casas e Iglesias Vilarelle a un mitin de Castelao no Grove.
1931, xuño, 4. Acude representando ao Grupo Autonomista Galego á xuntanza convocada na Coruña polo sector nacionalista da ORGA a prol do Estatuto.
1931, xuño, 7. Asisten Castelao, Paz-Andrade e Victoriano Taibo aos mitins de As Neves, Arbo e Salvaterra.
1931, xuño, 11. Asisten xunto con Castelao a un mitin en Gondomar.
1931, xuño, 14. Mitins en Marín, Seixo, Bueu, Cangas, Moaña, Domaio e Soutomaior. Participan Castelao, Bóveda, Núñez Búa, Luís Sánchez, Iglesias Vilarelle, Cabanillas, Paz-Andrade, Lino e Vidal Martínez.
1931, xuño, 15. Participa da reunión dos grupos galeguistas da provincia de Pontevedra na que se proclama a Castelao como cabeza de lista da candidatura galeguista ás eleccións constituíntes da Segunda República. Nesa lista aberta síguenlle V. Paz-Andrade e Ramón Cabanillas. No resto de Galicia as listas constitúense do seguinte xeito: en Ourense, Ramón Otero Pedrayo e Vicente Martínez Risco na lista por minorías de coalición entre PNRO a FRG e o Partido Radical; na Coruña, Antón Villar Ponte e Ramón Suárez Picallo xunto con FRG-ORGA; en Lugo, Lois Peña Novo.
1931, xuño. Apróbase a candidatura galeguista por Pontevedra ás eleccións constituíntes republicanas: 1º Castelao, 2º Valentín Paz-Andrade 3º Ramón Cabanillas. Ramón María del Valle-Inclán se presenta como candidato do Partido Radical de Alejandro Lerroux pola provincia da Coruña.
1931, xuño, 16. Participa no mitin organizado pola Xuntanza Galeguista da Estrada. Falan Otero Pedrayo, Álvaro de las Casas, Alonso Ríos, Paz-Andrade, Ramón Cabanillas e Castelao.
1931, xuño, 17. Participa nun mitin en Vilagarcía xunto con Otero Pedrayo, Suárez Picallo e Alonso Ríos.
1931, xuño, 20. Asiste a un mitin na alameda de Vigo acompañado por Castelao, Cabanillas e Otero Pedrayo.
1931, xuño, 23. Mitin na alameda en Pontevedra onde falaron Castelao, Paz-Andrade, Cabanillas, Gerardo Álvarez Gallego e Álvaro de las Casas.
1931, xuño, 23, martes. Mitin na alameda en Pontevedra onde falaron Castelao, Paz-Andrade, Cabanillas, Gerardo Álvarez Gallego e Álvaro Casas. Se publican fotografías do acto no semanario ilustrado Nuevo Mundo, Madrid, o 7 de xullo de 1933.
1931, xullo, 4. Realízase o escrutinio das eleccións do 28 de xuño de 1931. Gaña as eleccións en Galicia a FRG-ORGA que consigue 15 dos 47 deputados que lle corresponden polas catro provincias e lle permitirá formar un grupo parlamentario propio denominado “Minoría Galega”. Saen elixidos Antón Villar Ponte (68.89 votos) e Ramón Suárez Picallo (55.054) nas listas da FRG-ORGA pola Coruña; Ramón Otero Pedrayo (35.443) do PNRO coaligado coa FRG e o Partido Radical Socialista polas minorías de Ourense, e Castelao (19.571) pola candidatura galeguista polas minorías de Pontevedra. Os deputados galegos se integran cos de ORGA e outros independentes na Minoría Gallega das Cortes, composta por 19 deputados, coa esperanza de que este grupo parlamentario apoie un maior autogoberno para Galicia.
1931, xullo, 12. Viaxa en automóbil de Pontevedra á Coruña. Alí colle o tren cara Madrid na compaña de Ramón Otero Pedrayo e de Vicente Martínez Risco para apelar á Comisión de Actas das Cortes debido a certas irregularidades no escrutinio do 4 de xullo: as actas dos colexios de Carbia (As Cruces) que asegurarían o escano de Paz-Andrade foron roubadas por encargo do radical Emiliano Iglesias Ambrosio antes de que chegaran á Xunta Provincial do Censo. A apelación non prosperou e Paz-Andrade queda sen escano nas cortes por poucos votos.
1931, xullo, 26. Participa na manifestación galeguista no García Barbón en Vigo.
1931, xullo. Presenta unha moción a prol do Estatuto de Autonomía no concello de Vigo defendida por Xavier Soto Valenzuela.
1931, xullo. Pronuncia varios mitins a prol do Estatuto de Autonomía en Oia e Lavadores.
1931, agosto. Os concelleiros do Grupo Autonomista Galego presentan unha moción, probablemente redactada por Paz-Andrade, para que o concello de Vigo apoiase o proxecto do Estatuto aprobado o 4 de xuño e encabezase un movemento municipal pedindo aos outros concellos galegos que o secundasen e lles remitisen as súas adhesións para logo envialas ás Cortes Constituíntes e ó goberno. A moción non tivo boa acollida e foi retirada antes da sesión do 12 de agosto.
1931, agosto, 15. Participa nun mitin en Lugo, entre os oradores tamén están Ramón Otero Pedrayo, Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo.
11931, agosto, 16. Asiste ao mitin da Pastoriza ás 11 h. da mañá xunto con Díaz Villamil e Álvaro de las Casas.
1931, agosto, 16. Mitin de Castelao en Vilanova de Lourenzá ás 16 h. da tarde apoiando a Valentín Paz-Andrade. Se retira da contenda electoral R. Martínez Lopez e José Díaz Villamil debido aos amaños de Santiago Casares Quiroga.
1931, agosto, 16. Asiste ao mitin de Mondoñedo das 19 h. da tarde con Álvaro de las Casas.
1931, agosto. Debido a irregularidades, se repiten as eleccións ás Cortes Constituíntes na provincia de Lugo. Repiten na candidatura para as maiorías a FRG, Lois Peña Novo, Ramón Martínez López. Valentín Paz-Andrade se presenta por vez primeira por esta circunscripción.
1931, setembro, 18. Debuxo a tinta sobre papel caricatura de Castelao de Luis Bagaría, en Madrid. 23, 6 x 39. Colección Paz-Andrade.
1931, decembro. Participa na constitución do Partido Galeguista en Pontevedra no que permanece como membro do comité executivo.
1932, febreiro, 12 Participa nun mitin no Teatro Principal de Lugo xunto con Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, e Martínez López.
1932, febreiro, 28. Mitin de Castelao no Teatro Principal de Santiago. Valentín Paz-Andrade asiste na compaña de López Durán, Suárez Picallo e Otero Pedrayo.
1932, marzo, 1. Asiste a un acto galeguista presidido por Banet Fontenla en Santiago de Compostela. Tamén estaban presentes López Durán, Otero Pedrayo e Suárez Picallo.
1932, marzo, 20. Mitín de Castelao, Valentín Paz-Andrade, Ramón Suárez Picallo, Ramón Martínez López e Casas no teatro Principal en Lugo.
1932, xuño, 19. Día da homenaxe a Castelao. En Lameiro espérao unha caravana de 74 automóbiles. Recibimento popular en Nadela. Ofrecemento dun artístico album no salón da deputación, recepción ás 12 h. no salón do Concello e ás 13.30 h. xantar para cincocentas persoas con discursos no hotel Méndez Núñez de Lugo, os discursos estiveron a cargo de Fernández Pimentel, Cadarso, López Pol, Suárez Picallo, A. Villar Ponte, Paz-Andrade e por último os agradecementos de Castelao. Acto de desagravio por un artigo sen asinar publicado no periódico El Imparcial de Madrid contra Castelao por defender o Estatuto de Autonomía de Cataluña. Entrégaselle unha placa de prata “Galicia en Lugo a Castelao 12 San Xoán 1932”.
1932, xuño, 26. Mitin ás 11 h. de Castelao, Alexandre Bóveda, Valentín Paz-Andrade e Otero Pedrayo no teatro Losada de Ourense e pola tarde ás 17 h. no Carballiño, a este último tamén asisten o deputado provincial por Ourense González Salgado e Vicente Martínez Risco.
1932, xullo, 3. Asemblea pro Estatuto en Santiago no Paraninfo da Universidade, presidida por Xaime Quintanilla á que asisten os representantes dos concellos máis importantes, asociacións culturais e económicas, os catro deputados da ORGA, os tres do Partido Galeguista e o do Partido Republicano Conservador na que se nomea unha comisión encargada de redactar un anteproxecto de autonomía que se adapte a Constitución e sometelo a información pública. A comisión redactora do Estatuto estaba presidia por Salvador Cabeza de León, decano da facultade de dereito e presidente do Seminario de Estudos Galegos; oito vogais e un secretario, Enrique Rajoy Leloup concelleiro en Santiago e decano do colexio de avogados de Santiago. Tamén se designa unha comisión para redactar o regulamento da asemblea rexional de concellos e unha última que se encargaría da campaña propagandística. Ás 15 h. asisten a un banquete popular no Hotel Compostela onde Castelao, López Pol, Cadalso, Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Paz-Andrade e Quintanilla participan como oradores.
1932, xullo, 24. Mitin do Partido Galeguista en Noceda, Vilatuxe e Lalín. Falan Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Ramón Suárez Picallo, Valentín Paz-Andrade e Álvarez Gallego.
1932, setembro, 4. Asisten Castelao, Ramón Suárez Picallo e Valentín Paz-Andrade a un mitin en Rois. Chegan ás 11h e son recibidos con boureo e foguetes. Logo son presentados por José Neo Rodríguez.
1932, setembro, 18. Viaxe en tren de Pontevedra a Vilagarcía acompañando a Castelao e Ramón Suárez Picallo. Os reciben unha comisión de Rianxo que os acompañan no barco ata o peirao de Rianxo. Son recibidos con entusiasmo, foguetes e banda de música que interpreta o Himno galego. Fan unha ofrenda na tumba de Manuel Antonio e se dirixen en procesión ata a casa Rañó en Cabo de Vila onde se celebra o banquete para oitenta persoas e pronuncian os seus discursos. Pola tarde, pronuncian novos discursos na praza de Rianxo e visitan a casa de Castelao. Esta é a primeira visita de Castelao como deputado a Rianxo.
1932, outubro, 9. Mitins en Baiona e Bueu nos que participan Otero Pedrayo, Castelao, Ramón Suárez Picallo, Valentín Paz-Andrade e Alexandre Bóveda.
1932, novembro, 22. Fíreno o dispararlle cinco balas nun enfrontamento cos sindicalistas na rúa Galán (hoxe Príncipe), en Vigo.
1932, decembro, 10 e 11. Celébrase a segunda asemblea anual do Partido Galeguista no local da Sociedade Económica en Santiago. Executiva: secretario xeral, A. Bóveda; secretario de organización e propaganda, Plácido R. Castro; secretario político, Xosé Núñez Búa; secretario técnico, X. Filgueira Valverde; secretario de propaganda Miguel Rodríguez. Valentín Paz-Andrade participa no Consello xunto con Víctor Casas, Banet Fontenla, Carvalho Calero, Vicente Martínez Risco, B.Varela, R .Villar Ponte, Garrido Álvarez, Ramiro Isla Couto, Xavier Pardo, Antón Alonso Ríos, Sebastián González García-Paz, A. Cunqueiro, L Fernández Pimentel, Martínez Monteagudo, Florentino López Cuevillas, V. Paz-Andrade, José Lino Sánchez e Belén Prada.
1933, xaneiro, 8. Asamblea do comité central pro-Estatuto en Santiago que lle encarga contactar co goberno central para poñer a data do plebiscito do Estatuto na Cámara de Comercio de Santiago. Asisten Suárez Picallo, Poza, Paz-Andrade, López Aydillo, Otero Pedrayo, Cadalso, Bibiano Fernández Osorio-Tafalll, Álvarez Gallego, Bóveda e Castelao.
1933, outubro. É nomeado profesor auxiliar da Escola Superior de Traballo de Vigo.
1933, novembro, 1. A candidatura de Izquierda Republicana estaba composta por Laureano Gómez Paratcha, ex ministro de industria e comercio; Amado Garra Castellanzuelo, avogado ex alcalde de Vigo; Castelao, debuxante, escritor, ex-deputado a Cortes; Telmo Bernárdez Santomé, médico; Ramón Alonso Martínez, presidente da Federación agraria provincial; Amancio Caamaño Cimadevila, médico e ex-presidente da deputación provincial; Valentín Paz-Andrade, avogado e escritor; Alejandro Viana Esperón,comerciante; Antonio Alonso Ríos, vicepresidente da Federación agraria provincial; Gonzalo Martín March, mestre nacional.
1934, xullo, 24. Mitin das Arengas ás 12 h. da noite na praza da Quintana en Santiago de Compostela. Falan: Álvarez Gallego, Banet Fontenla, Bóveda, Plácido Castro, Gomez Román, Sebastián González, Víctor Casas, A. Iglesias Alvariño, Durán García, R. Martínez López, Luna Suárez Delgado, Suárez Picallo, Antón e Ramón Villar Ponte, Emilia Docet, Peinador, Castelao, Paz-Andrade e Otero Pedrayo.
1934, novembro, 23. Castelao, exiliado en Badajoz, escríbelle para que o substitúa na secretaría política do Partido Galeguista. Non acepta.
1935, febreiro. Defende á industria da sardiña e desprázase xunto unha comisión para esixir que se conserve o arancel contra a sardiña portuguesa.
1936, febreiro. Preséntase como candidato da candidatura republicana de centro pola circunscripción de Pontevedra ó Parlamento. Nesta época escribe asiduamente para El Pueblo Gallego, de Vigo.
1936, febreiro, 23. Escrutinio xeral. Castelao con 103.436 votos é o candidato máis votado da Fronte Popular na provincia de Pontevedra. Os votantes eran 197.676. O segundo é Bibiano Fernández Osorio-Tafall, de Izquierda Republicana, con 102.234 votos. Elpidio Villaverde, de Izquierda Republicana, con 98.313, Alejandro Viana Esperón, de Izquierda Republicana, con 87.939; Antón Alonso Ríos, de con 86.114. O candidato Valentín Paz-Andrade, na lista de Portela Valladares, non sae electo.
1936. Escribe a novela en castelán “Cuadernos de Johan Quinto. Primer viaje alrededor del día”. Inédita.
1936, xullo, 18. Pasa os días no seu bufete, en Vigo, pendente das noticias, mentres axuda a fuxir a través de Portugal a varios amigos: Xosé Nuñez Búa e Ramón Martínez López.
1936, setembro, 9. Desterrado a Verín, onde vai sufrir o seu segundo atentado esta vez a mans de catro falanxistas.
1937, xaneiro. Desterrado a Requeixo de Queixa. Escribe poemas en galego.
1937, abril. Autorizado a vivir en Castro Caldelas e logo en Trives.
1937, agosto, 13. Estando en San Miguel de Outeiro con Xesus Prada Losada coñece a Pilar Cilda Rodríguez Prada. Sobriña política do poeta valdeorrés Manuel Valcarce Gómez falecido en 1931.
1937. Escribe o poemario “A serra. Cantos do desterro branco”.
1937. Escribe o poemario “Sangue na neve. Etopeia da serra”.
1937, decembro. Levántanlle o desterro e volta a Vigo a exercer a avogacía na rúa Urzáiz (ao lado do café Derby).
1939, agosto. Volve a ser detido e desterrado a Villanueva de la Serena (Badajoz) ate a finais de ano.
1939, agosto, 26. Morre o pai da súa moza Alfonso Rodríguez Losada.
1939, decembro, 8. Casa con Pilar Cilda Rodríguez Losada ás 8 horas na capela do santo Cristo na catedral de Ourense.
1939, decembro. Fan a viaxe de casados en automóbil por Salamanca, Madrid e Andalucía. En Sevilla tiña Pilar un tío paterno, Edmundo, empresario, casado e sen fillos. Logo cruzan en barco ata Tetuán. Volven o 20 de decembro e paran en San Miguel.
1940, xaneiro. Exerce a avogacía no seu despacho na rúa Urzáiz. O matrimonio vive no hotel Continental e posteriormente no hotel Moderno.
1940. Instalados en Vigo, o matrimonio aluga un piso na rúa Policarpo Sanz 22 2º onde Valentín establece o seu despacho.
1940, outubro, 4. Nace o seu único fillo, Alfonso Valentín Francisco Juan Paz-Andrade Rodríguez.
1942. Asume a dirección da revista Industrias Pesqueras substituíndo a Fernando de Miguel.
1943, maio. Recibe a orde do delegado de educación popular na que lle prohibe asinar artigos co seu nome. Usará os pseudónimos M., Xan Quinto e Mareiro.
1945. Establécese a tertulia de escritores e artistas no café Alameda en Vigo.
1945. Viaxa a Paris e establece os primeros contactos cos exiliados.
1946, agosto. Trasládanse a vivir ao piso da praza de Compostela, en Vigo. O despacho de avogado continúa en Policarpo Sanz.
1946, setembro. Morre o seu pai Francisco en Pontevedra.
1946, setembro. Viaxa a Madrid.
1948, maio, 26. Publícase a segunda edición de Estampas compostelanas de Ksado. Na nova edición se introduce o prologo escrito por Valentín Paz-Andrade.
1950, xaneiro. Publica o artigo "Castelao, el hombre y el artista" no suplememento de La Noche, Santiago. Para Paz-Andrade, este artigo sobre a morte de Castelao foi “o primero con fondo ideolóxico que se publicaba en Galicia desde 1936”
1950, xullo, 21. Viaxa en avión por primeira vez a Buenos Aires invitado polo Centro Galego para participar nas xornadas patrióticas galegas. O presidente Perón o recibe en Buenos Aires onde da varias conferencias. Nesta viaxe visita tamén Montevideo, São Paulo, Santos e Río de Janeiro.
1950, xullo. Pronuncia varias conferencias en Buenos Aires, invitado polo Centro Galego, sendo recibido polo presidente Perón. Visita tamén Montevideo, São Paulo, Santos e Rio de Janeiro.
1950, xullo. Colabora coa revista do ourensán Pedro Núñez Arcas.
1950, xullo. Fúndase a editorial Galaxia en Santiago de Compostela da que será accionista.
1950, agosto, 18. Chega a Montevideo onde imparte varias conferencias.
1950, agosto. Regresa de Buenos Aires a Galicia en avión.
1950. Cumpre co encargo, feito en Buenos Aires, de xestionar desde Vigo o envío de obras para a exposición Artistas Galegos que se celebrará en Buenos Aires en xullo de 1951.
1951, xaneiro, 2. Rexistra accións da editorial Galaxia en Vigo.
1951, xuño, 19. Viaxa a Madrid.
1951, xullo, 15. Asiste ao percorrido polos lugares rosalianos organizado polo Patronato Rosalía de Castro.
1951, novembro, Viaxa a Madrid.
1951. A proposta de Bibiano F. Osorio-Tafall, pontevedrés exiliado, é designado pola FAO (organización de Nacións Unidas para a Agricultura e alimentación) para impartir cursos sobre economía pesqueira.
1952, xaneiro, 16. Viaxa en avión coa súa dona a Santiago de Chile para dirixir na Universidade de Santa María de Valparaiso un curso de economía pesqueira organizado pola FAO ata o 14 de marzo.
1952, marzo. Desprázase a Buenos Aires
1952, abril, 18. A Federación española de armadores ofrécelle un banquete en Madrid para celebrar o seu labor no curso de capacitación pesqueira celebrado en Chile.
1952. Escribe o poemario “Rosario ao lume” en Vigo. REPE
1952. Recibe o encargo do diario Informaciones dunha serie de artigos sobre a problemática pesqueira. Desas entregas sairá o libro “Producción y fluctuación de las pesquerías”.
1952, marzo, 15. Comeza a serie de artigos "Puntadas sin hilo" na revista Industrias Pesqueras, Vigo.
1954, abril, 9. Pronuncia a conferencia "Cómo abrió el hombre la despensa del mar", no Centro Gallego de Madrid.
1954. Publícase “Producción y fluctuación de las pesquerías”. Unesa, Madrid.
1954. Publica “Principios de economía pesquera” co prólogo de Osorio-Tafall. FAO, Santiago de Chile.
1954, outubro, 5. Viaxa en avión a Nova York, onde pasa tres días, con destino a México. Reside na capital ata o 30 onde se encontra cos exilidos galegos Arturo Souto, Bal y Gay e Dopico. A editorial Fondo de Cultura Económica encárgalle un tomo sobre a economía da pesca que debería entregar en abril de 1955.
1954, novembro, Permanece en México. En Guadalajara trata de verse co exiliado Florencio Delgado Gurriarán. Se traslada ata Mazatlán e a Veracruz para voltar á capital onde imparte durante 8 días o curso latinoamericano de capacitación pesqueira organizado pola FAO. Entre os profesores está Bibiano Fernández Ossorio-Tafall. Escribe a crónica da viaxe e da estadía para La Noche, Santiago de Compostela, e Informaciones.
1954. Visita A Habana.
1954, decembro, 8. Volve en avión de México, vía Nova York, a Galicia.
1955, xaneiro, 7. Publícase “Pranto Matricial.” Tradución ao castelán de María de Villarino. Debuxos de Colmeiro, Maside, Souto e Torres. Ed. Galicia del Centro Gallego, Buenos Aires.
1955, febreiro, 13. Viaxa a Bogotá coa misión de ordenación xurídica e económica das pesquerías por encargo da FAO. Elabora un proxecto de División de Pesquería e un Consejo Nacional de Pesquerías para o goberno colombiano. Desprázase en avión a Cartagena de Indias, Barranquilla, Santa Marta. O 10 de marzo comeza un curso que imparte na Universidade Jorge Tadeo Lozano de Bogotá onde permanecerá ata xuño. Publica en El espectador unha serie de artigos sobre o despegue pesqueiro de Colombia.
1955. Visita a A Habana.
1955, maio. En Bogotá escribe o poemario “Canto do pobo disperso”. Mecanoescrito inédito. Fundación Luis Seoane.
1955, xuño. Regresa de Colombia a Galicia.
1956. En Vigo imparte a conferencia "El impacto de la sardina en la economía de Galicia" no curso universitario de verán da Universidade de Santiago de Compostela.
1957, xuño. É invitado a participar por segunda vez nas xornadas patrióticas galegas organizadas polo Centro Galego de Buenos Aires para o mes de xullo.
1957, xuño, 20. Regresa a Vigo dende Roma.
1957, xuño, 21. Ingresa no cárcere en Vigo onde permanece trinta dias de arresto menor pola publicación dunha noticia de catro liñas no número do 15 de setembro de 1956 en Industrias Pesqueras.
1957, xullo. Sae do cárcere e viaxa en avión co seu fillo Alfonso a Arxentina para participar nos actos do cincuentenario da fundación do Centro Galego de Buenos Aires.
1957, agosto. Imparte conferencias en Buenos Aires, Montevideo, São Paulo e Río de Xaneiro.
1957, agosto. Voltan a Galicia.
1957. Imparte a conferencia "Soberanía y recursos libres del mar" no curso universitario de verán da Universidade de Santiago, en Vigo.
1958, marzo. Impulsa o Premio Mourente en Galicia.
1958, xullo, 22. Publícase “El sistema económico de la pesca en Galicia”, en Buenos Aires.
1959, xuño, 10. Publícase “Galicia como tarea”, Buenos Aires. Titulado polo autor “Galicia en números vivos”. O libro está conformado polos textos ampliados das conferencias dadas en Sudamerica en 1957 onde analiza a potencialidade de Galicia e os principais problemas aos que se enfrentaba na época.
1959, outubro-novembro. Comeza a colaborar con Manuel Cordo Boullosa no proxecto de construción dunha refinería de petróleo, Petrogasa, en Vigo. Logo dun ano non se concede a autorización.
1959, decembro, 3. Comeza a publicar o libro “Galicia como tarea” en artigos en La Noche, Santiago.
1960, febreiro. Asiste á homenaxe a Faílde pola súa exposición en Madrid
1960, xuño, 23. Fúndase Pescanova S. A., en Vigo, é nomeado vicepresidente.
1960. Publica "Los derechos sobre el espacio marino" en Revista de legislación y jurisprudencia.
1960. Volve a colaborar con La Voz de Galicia.
1960, novembro. Viaxa a Madrid con Lorenzo Varela en automóbil.
1961. Bautiza o primeiro buque Pescanova, Lemos, que sae a procura de pescada en augas arxentinas.
1961. Bautiza o segundo buque de Pescanova, Andrade, un arrastreiro conxelador que sae a procura de pescada en augas sudafricanas.
1961, abril. Viaxa a Lisboa para asistir a unha conferencia pesqueira.
1961, maio-xuño-xullo. Viaxa a Mozambique invitado á inauguración dunha refinería de petróleos de Manuel Cordo Boullosa.
1961. Rematada a casa de Pousa Nova do Mar en Samil.
1961. Viaxe a Madrid.
1961, decembro, 23. Sufre un accidente de tráfico en Lérez, Pontevedra. Permance ata comezos de febreiro de 1962 ingresado no sanatorio Dominguez en Pontevedra.
1962, marzo, 1. Establécese en Pousa Nova do Mar en Samil para recuperarse das operacións e comezar a rehabilitación.
1962, maio, 30. Viaxa a Madrid. Volve o 2 de xuño.
1962, setembro. Botadura do conxelador Soutomaior de Pescanova en Vigo.
1963, xuño. Falece Jesús Prada Losada, tío materno de Pilar.
1963, xuño. Viaxa a París.
1963, xuño. Viaxa a Palma e Barcelona.
1963, setembro, 2. O xefe do estado, Francisco Franco, embarca en Sada no buque de pesca Vimianzo.Valentín Paz-Andrade e outros directivos de Pescanova xantan co dictador a bordo do buque.
1963, outubro. Participa en Londres no II Congreso da FAO sobre buques de pesca.
1964, xaneiro. Co novo Plan de Desenvolvemento económico elabora un proxecto e estudo para a creación dun Banco Industrial en Vigo.
1964, febreiro. Pescanova constitúe unha filial en Sudáfrica.
1964, abril. Viaxe a Madrid.
1964, abril, 10. Imparte unha conferencia "Imagen macroeconómica de Galicia" no VII curso univeristario de primavera no Círculo das Artes en Lugo.
1964, xuño, 7. Noméano membro numerario da Real Academia Galega.
1964, xullo, 6 Viaxa a Madrid.
1964, xullo. Remátase o buque factoría Galicia de Pescanova
1964, xullo. A ditadura prohíbelle seguir escribindo en Faro de Vigo.
1964, outubro. Propón e asesora ao alcalde de Vigo para converter o Pazo de Castrelos nun museo de pintura galega moderna.
1965, outubro, 1-3. Participa no III Congreso Regional de la emigración en Santiago de Compostela como delegado do Centro Galego de Buenos Aires.
1965, novembro. Asiste co seu fillo Alfonso ó III Congreso técnico da FAO sobre buques de pesca en Göteborg, Suecia. Diserta sobre “Las pequeñas embarcaciones de tipo convencional incorporadas a buques madres”.
1966, xaneiro. Viaxa a Guinea Ecuatorial.
1966, maio, 18. Conferencia na IIIe Biennale Internationale des Pêches, en Lorient.
1966, xullo, 15. Chega a Buenos Aires invitado polo Centro Galego.
1966, xullo, 23. Conferencia sobre Valle-Inclán no Instituto popular de conferencias en Buenos Aires.
1966, xullo. Viaxa a Montevideo.
1966, setembro, 14. Remata o libro “La anunciación de Valle-Inclán” que envía para publicar en Buenos Aires.
1966. Viaxe a Lima.
1966. Viaxe a Caracas.
1966, decembro, 3. Defende a Alberto Míguez autor do libro El pensamiento político de Castelao ante o Tribunal de Orden Público en Madrid. Fora acusado dun delito de propaganda ilegal, pola edición do libro censurado en España e publicado en París en 1965.
1967. Publica “La anunciación de Valle-Inclán” en Buenos Aires.
1967, abril, 11. Viaxa a Madrid.
1967, xullo. Viaxa en avión na compaña de José Fernández López, presidente de Pescanova, ata Buenos Aires.
1967. Publica “La anunciación de Valle-Inclán” en Buenos Aires.
1967, decembro, 4-20. Viaxa á Patagonia e volve a Buenos Aires.
1968, xaneiro. Remata “Sementeira do vento”.
1968, maio, 24. Viaxe a Coruña para impartir a conferencia titulada “Evolución del sector pesquero en Galicia”.
1968, xullo, 24. Publícase “Sementeira do vento” coa carta-prefacio de Guillermo de Almeida e ilustracións de Laxeiro e a incorporación do seu poemario de 1955 “Pranto matricial”. Ed Galaxia,Vigo.
1968, xullo, 25. Misa en galego a Rosalía en San Domingos de Bonaval. Deteñen a Xaime Isla Couto por manifestación ilegal, Paz-Andrade intercede como avogado.
1968. Colabora no libro “O porvir da lingua galega”, editado polo Círculto das Artes, Lugo.
1968. Participa co relatorio "Evolución del sector pesquero en Galicia" no curso "Perspectivas de Galicia ante el 2º plan de desarrollo" na Coruña.
1969, marzo, 11. Constitúese a empresa de fabricación de maquinaria naval Ibercisa, en Vigo, da que é nomeado vicepresidente.
1969, xullo. Remata “La marginación de Galicia”.
1969, setembro. Viaxa a Roma para participar na conferencia internacional sobre investimentos na pesca. Visita a Alberti.
1969, decembro. Viaxa a Madrid.
1970. Intercede como avogado para que lle concedan o beneficio de liberdade a Xosé Luís Méndez Ferrín preso dende 1969.
1970, maio. Participa na conferencia internacional sobre arrastre en Reikiavik.
1970, maio, 23. Publícase “La marginación de Galicia” en Madrid. 3.000 exemplares.
1970, xullo, 19. Mantedor dos Xogos Florais nas Festas de Bouzas.
1970, xullo. Viaxa a Madrid.
1970, agosto. Sofre unha trombosis cerebral e unha alteración cardíaca. Loita con esa afección da que se recupera co paso dos anos.
1970. Publícase “El capital como factor de desarrollo en Galicia”, Banco del Noroeste, A coruña.
1972, xaneiro, 21. Falece María Cilda Pilar Prada Losada, nai de Pilar Cilda Rodríguez. Enterrana en Valdeorras.
1972. Publícase “Problemas y soluciones del desarrollo económico de Galicia”, de Carlos Otero Díaz, Valentín Paz-Andrade, Juan Velarde Fuertes, Luis Ángel Rojo Duque, Ramón Tamames e José B. Terceiro.
1973, abril, 23. Nace o seu neto Valente.
1973, setembro. Celébrase por primeira vez a Exposición Mundial da Pesca en Vigo. El será o xerente da feira.
1973. A partir deste ano regresa á actividade política.
1974, xullo. Designado representante galego na Xunta Democrática de España, creada en París
1974, agosto. Viaxa a Caracas para participar na III conferencia da ONU sobre o dereito marítimo. Representa á asociación de armadores de buques conxeladores de peixes e mariscos de España. Escribe tres artigos para ABC, dous para Arbor e a crónica da conferencia para La Vanguardia. Apróbase nesa xuntanza a imposición da zona económica exclusiva das 200 millas para a pesca.
1974. Viaxa a Brasil (Río de Janeiro, Brasilia, São Paulo e Santos) onde sigue e investiga o rastro do escritor João Guimarães Rosa.
1974, setembro, 27. Da a conferencia "El concepto de zona económica en el nuevo derecho de la mar" na Cámara de Comercio da Coruña.
1974, novembro. Xohana Torres grava en disco o poema Pranto matricial.
1974. É designado representante galego na Xunta Democrática, creada en París.
1975, marzo. Fórmase a Xunta Democrática de Galicia en Viana do Castelao na que se integra.
1975, maio, 17. Viaxe a Madrid para impartir a conferencia "Galiza, dos símbolos as cifras" no Ateneo.
1975, maio. Outórganlle o Pedrón de Ouro en Padrón.
1975. Publícase unha nova edición pentalingüe de “Pranto matricial” Ed. do Castro, Sada. Tradución ao portugués de Guilherme de Almeida, ao éuscaro de Gabriel Aresti, ao catalán de Francesc Vallverdú, e ao castelán de María de Vilariño.
1976, xullo. Participa nun ciclo de conferencias sobre pesca organizadas pola Universidade en Vigo.
1976. Colabora co artigo "La sociedad y la economía" no libro “Los gallegos”.
1976, setembro. Participa co relatorio "La pesca en la economía española" nas primeiras xornadas sobre marketing na pesca, en Vigo.
1976, decembro, 4. Forma parte da Comisión Negociadora da Oposición Democrática, a Comisión dos Dez, representando a Galicia como independiente.
1977, febreiro, 15. Viaxa a Madrid a unha xuntanza da Comisión dos Dez.
1977, febreiro, 24. Viaxa a Madrid a unha xuntanza da Comisión dos Dez.
1977, febreiro, 7. Conferencia "Galiza diante da autonomía" no Congreso de Cultura Catalana.
1977, marzo, 16. Viaxe a Madrid a unha xuntanza da Comisión dos Dez.
1977, xuño. Preséntase como senador por Pontevedra na Candidatura Democrática Galega Independente. Participa na campaña electoral falando en vinte mitins na provincia de Pontevedra.
1977, xuño, 15. É elixido senador
1977, xullo. Redacta e presenta un escrito á asemblea de parlamentarios galegos en Madrid e recibe as criticas do senador por designación real Camilo José Cela: "No es más que vaga y amena literatura" e o autor "pertenece a la prehistoria política de Galicia".
1977, xullo. Obras no sobrado da casa en Pousa Nova do Mar en Samil.
1977, agosto, 31. Desprázase a Madrid cunha comisión de doce armadores para entrevistarse co titular de comercio J. A. García Díez e co vicepresidente de asuntos económicos Fuentes Quintana para conseguir atrasar dez días a orde ministerial que libera na práctica as importacións de pescada e de cefalópodos.
1977, novembro. Participa no proxecto do novo xornal Galicia en Santiago. Constitúese o Instituto Galego de Información como sociedade anónima.
1977, decembro, 4. Participa na gran manifestación reivindicando o Estatuto de Autonomía para Galicia "Galicia pola Autonomía". Paz-Andrade pecha o acto ante a multitude concentrada na explanada do náutico de Vigo.
1977. Remata o libro “Cen chaves de sombra”.
1978, febreiro, 9. Viaxe a Madrid para intervir na cámara do Senado.
1978, febreiro, 11. Ingresa na Real Academia Galega co discurso “A galecidade na obra de Guimarães Rosa” na Coruña. Fora nomeado en 1964.
1978, maio. Participa na semana da cultura galega en París.
1978. Publícase “A galecidade na obra de Guimarães Rosa” coa introducción de Paulo Rónai e o epílogo de Álvaro Cunqueiro Ed. do Castro, Sada.
1978. Colabora co artigo "O modelo federal para a constitución do Estado Galego" no libro Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos Ed. Do Castro, Sada.
1978, febreiro, 9. Viaxe a Madrid para intervir na cámara do Senado.
1978. Outórgaselle a Cruz de San Raimundo de Peñafort.
1978. Viaxa cunha comisión do Senado a Canadá.
1979, xaneiro, 2. Cesa como senador.
1979, xaneiro, 20. Outórgaselle o premio cidade de Pontevedra ao labor literario pola obra "A galecidade na obra de Guimarães Rosa".
1979, febreiro. Preséntase de novo como senador pola provincia de Pontevedra as eleccións do 1 de marzo. Non sae elixido.
1979, abril, 26. Publícase “Cen chaves de sombra” con limiar de Lorenzo Varela e ilustracións de Laxeiro. Ed. do Castro, Sada.
1980, marzo. Asina con outros persoeiros o manifesto de Realidade Galega en defensa do Estatuto de Galicia.
1980. Comeza a elaborar a biografia sobre Castelao, “Castelao na luz e na sombra”.
1980, xuño. Remata o poemario “Canto reuncial de Galiza”, en Vigo
1980. Viaxe á Norfishing Exposition en Tronheim, Noruega.
1980, decembro, 5. Imparte a conferencia "Perspectiva e contrapunto da obra de Blanco Amor" no Ateneo, Ourense.
1981, xaneiro, 27. Publícase “Elexía Lourencina” no folleto Lembranza de Lorenzo Varela na inhumación dos seus restos no cimeterio de Lodoso (Monterroso). Ed Do Castro, Sada.
1981, outubro. Remata a escribir a biografía “Castelao na luz e na sombra”.
1981. Publicase a 2º ed. ampliada de “La anunciación de Valle-Inclán” en Madrid.
1982, xullo. Publícase “Castelao na luz e na sombra” Ed. do Castro, Sada.
1983, febreiro. Escribe o poemario “Saga de símbolos”.
1983, abril, 4. Participa no Museo Carlos Maside nunha mesa redonda sobre pesca organizada pola Área de ciencias mariñas do Seminario de Estudos Galegos.
1983, xullo, 13. Pronuncia o pregón na inauguración da Feira do libro en Vigo.
1983, setembro. Publícase traducido ao portugués por Paulo Rónai “A galecidade na obra de Guimarães Rosa” en São Paulo.
1984, xaneiro, 16. Outórgaselle a Medalla ao Mérito Social Marítimo.
1984, abril. Escribe o poemario “Precánticos da galeguidade”.
1984, abril. Escribe o poemario “Aura ora de Galiza”.
1984, xuño, 28. Publica os versos "Ode sin pranto as cinzas resgatadas" en Faro de Vigo e en Diario de Pontevedra. Asiste ao recibimento e enterro do restos de Castelao no Panteón de Galicia en san Domingos de Bonaval, Santiago de Compostela.
1984, xuño. Outórgaselle a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.
1984, xullo, 18. Pronuncia a conferencia en Lisboa “Aventura, drama e obra de Castelao”.
1984. Nomeado presidente de Amigos do Museo de Pontevedra.
1984, decembro, 7. Pronuncia a conferencia "Castelao na vida e na obra" en Vilanova de Gaia.
1984, decembro. Participa no acto de clausura da exposición sobre Castelao organizada por Sargadelos en Barcelona.
1985, maio, Escribe os textos para o catálogo da exposición “Castelao, obra gráfico-bibliográfica e documental da súa vida e da súa obra”montada polo Seminario de Sargadelos e patrocinada polo concello de Vigo.
1985, xullo. Participa no programa La Clave de TVE sobre a problemática das autonomías.
1985. Publícase o libro de artigos “Galiza lavra a sua imagen”. Ed do Castro, Sada.
1985. Escribe o poemario “Canto en catro ao conde de Andrade”. Inédito.
1985, decembro, 5. Ingresa como Académico numerario na Academia Galega das Ciencias coa lectura do discurso “O home dentro do sabio: Pedro Joseph de Bermés (1770-1824)”. É contestado po lo académico numerario Enrique Vidal Abascal.
1986, xaneiro, 30. Conferencia "Castelao e a lingua galega" en Viana do Castelo.
1986, abril, 24. Asina como vicepresidente da Comissão para a integração da lingua de Galiza no acordo ortográfico luso-brasileiro o documento de adesión ao Acordo Ortográdico adoptado no Rio de Janeiro.
1986, maio, 23. Outórganlle a Primeira Medalla de Ouro da Cidade de Vigo.
1986, xuño. Outórgaselle o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo.
1986, xuño, 28. Publícase cunha tiraxe de 1001 o poemario “Cartafol” , unha homenaxe a Otero Pedrayo de Valentín Paz-Andrade. Recompila o apartado Agora eres canzón publicado en “Cen chaves de sombra”.
1986. Publícase a 2ª edición revisada e ampliada de “Castelao na luz e na sombra” Ed. do Castro, Sada.
1986. Publícase traducido ao éuscaro Pranto Matricial de Valentín Paz-Andrade, en San Sebastián. Tradución de Gabriel Aresti.
1987, maio, 19. Falece aos 89 anos en Vigo. Entérrano en Lérez, Pontevedra.