Cronoloxía breve
1898, abril, 23. Nace no barrio de Socorro de Lérez, Pontevedra. Fillo de Matilde e de Francisco. É o vinculeiro, logo virán dúas irmás: Matilde e Carmen. Infancia e estudos primarios e de segundo ensino en Pontevedra. Amais vai ser iniciado nas letras polo seu tío materno e veciño Juan Bautista Andrade, autor de libros de poemas en castelán.
1906. Morre a súa nai Matide.
1916. Coñece a Castelao en Pontevedra.
1917. Comenza os estudos de Dereito en Santiago mentres realiza as primeiras colaboracións xornalísticas en La Correspondencia Gallega e en Alma Galaica, de Pontevedra.
1919, novembro. Asiste a asemblea nacionalista celebrada en Santiago. Colabora no vespertino Gaceta de Galicia, en Santiago
1920?. Fai o servizo militar en Pontevedra.
1921, maio. Licénciase en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, e comenza a exercer a avogacía na Audiencia de Pontevedra.
1921, xullo. É destinado como soldado de cota á fronte de África. Desde Tetuán escribe artigos para El Noroeste da Coruña e Progreso de Pontevedra.
1921. Comeza a novela Soldado da morte. Inacabada.
1922. É ferido na fronte de guerra en Marrocos desde onde é evacuado en barco ata Murcia.
1922, xaneiro. Chega a Vigo como quinto repatriado e trasládase á Coruña. Na redacción de El Noroeste propónenlle colaborar nun novo xornal que se vai editar en Vigo.
1922. Trasládase a Vigo.
1922, maio, 27, sábado. Inaugúrase a exposición dos debuxos de Nós no Salón Recreo de Artesanos en Pontevedra. Presentación a cargo de Valentín Paz-Andrade.
1922, xullo, 25. Sae o primeiro número do xornal Galicia, de Vigo, do que é redactor xefe. En agosto convértese no seu director.
1924, maio, 28 e 30. Publica uns artigos no Galicia a partir dos que ten os primeiros conflictos coas autoridades da dictadura de Primo de Rivera.
1924, xullo, 1. Ingresa no cárcere de Vigo por dous artigos publicados no xornal Galicia. Múltano e permance quince días. Sae o día 15.
1925, decembro, 24. O gobernador civil de Pontevedra decreta a suspensión indefinida do Galicia. Paz-Andrade viaxa a Madrid e consigue que o ministro de gobernación revogue a orde de suspensión. O Galicia edítase de novo o 1 de xaneiro de1926.
1926, setembro, 15. Desaparece de vez o xornal Galicia.
1926, outubro. Volve exercer a avogacía en Vigo.
1927, abril, 1. D. José Barreras funda Industrias Pesqueras, revista marítima quincenal na que colabora dende os primeiros números.
1927, abril. Faise cargo do asesoramento da Sociedade de Armadores de Bouzas La Marítima.
1927, decembro. Visita París e os portos de Bretaña.
1928. Publícase o seu primeiro libro técnico Los puertos nacionales de pesca en España. Aportación de Vigo al estudio del problema, editado pola Unión de Entidades Viguesas.
1930, xaneiro. Participa na fundación do Grupo Autonomista Galego de Vigo do que é nomeado presidente.
1930, febreiro. Viaxa a Lisboa e a Madrid. Chega a Vigo o 25.
1930, marzo, 25. Pacto de Lestrove
1930, xullo, 10. Constitúese en Ourense a Asociación de Escritores Galegos: presidente: Otero Pedrayo, vicepresidente primeiro: Villar Ponte, vicepresidente segundo: Castelao, vicepresidente terceiro: Noriega Varela, secretario xeral: Álvaro de las Casas, vicesecretario: Cándido Fernández Mazas, tesoureiro: Vicente Martínez Risco, contador: Roberto Blanco Torres, bibliotecario: Jacinto Santiago, vogais: Paz-Andrade, Rafael Dieste, Jesus Bal, Florentino Lopez Cuevillas, Felipe Fernández Armesto.
1930, xullo, 25. Participa no mitin no García Barbón en Vigo e no xantar popular de afirmación galeguista no parque da Barxa.
1930. Publícase A siñificación espiritoal do Día de Galiza de Ramón Otero Pedrayo, O Galeguismo no Arte de Alfonso R. Castelao, e A nosa definición autonomista de Valentín Paz-Andrade. Grupo Autonomista Galego. (A Cruña: Nós).
1930, setembro, 3. Morre seu tío o poeta Juan Bautista Andrade en Pontevedra.
1930, setembro, 25. Participa na reunión do Pazo de Barrantes. Asisten nacionalistas de tódalas tendencias (Castelao, Otero Pedrayo, López-Cuevillas, Álvaro de las Casas...), republicanos da ORGA (Peña Novo), filorradicais (Basilio Álvarez) e centristas (Portela Valladares) non hai fusión orgánica e acordan uns obxectivos comúns.
1931. Redacta xunto a Lois Tobío, Vicente Risco, Carbalho Calero e Alexandre Bóveda, todos membros do Seminario de Estudos Galegos, o Antreproyeito de Estatuto da Galiza.
1931, abril, 19. Valentín Paz-Andrade propón a Castelao para que encabece a candidatura das minorías nas eleccións ás Cortes Constituíntes por Pontevedra. Castelao acepta a proposta.
1931, abril, maio e xuño. Participa activa e intensamente na campaña electoral.Organiza e fala en mitins por toda a xeografía galega. A Coruña, Pontevedra, Santiago de Compostela, Padrón, Fornelos, A Estrada, Redondela, Tomiño, o Grove, As Neves, Arbo, Salvaterra, Gondomar. Marín Bueu, Cangas, Moaña, Soutomaior, Lugo e, por suposto, Vigo son algúns dos lugares onde compartiu palestra con amigos e compañeiros como Castelao, Carbalho Calero, Otero Pedrayo, Iglesias Vilarelle, Antón Vilar Ponte, Álvaro de las Casas, Núñez Búa, Alonso Ríos ou Cabanillas entre outros.
1931, abril, 26. Participa no acto de homenaxe aos mártires de Carral organizado polo Grupo Autonomista de Vigo no teatro García Barbón.
1931, xuño, 1. Asiste en Pontevedra á constitución legal do Grupo Nazonalista Galego de Pontevedra. Na mesma sesión se aproban os estatutos xa presentados no Goberno Civil e se fai lectura das normas aprobadas. Consello executivo queda constituido da seguinte forma: presidente, Castelao; vicepresidente, Antonio Iglesias Vilarelle; secretario Xoán Vidal Rodríguez. Asisten tamén Alexandre Bóveda, Xosé Filgueira Valverde e Claudio Losada ente outros.
1931, xuño, 15. Participa da reunión dos grupos galeguistas da provincia de Pontevedra na que se proclama a Castelao como cabeza de lista da candidatura galeguista ás eleccións constituíntes da Segunda República. Nesa lista aberta síguenlle V. Paz-Andrade e Ramón Cabanillas. No resto de Galicia as lístas constitúense do seguinte xeito: en Ourense, Ramón Otero Pedrayo e Vicente Martínez Risco na lista por minorías de coalición entre PNRO, a FRG e o Partido Radical; na Coruña, Antón Villar Ponte e Ramón Suárez Picallo xunto con FRG-ORGA; en Lugo, Lois Peña Novo.
1931, xuño. Apróbase a candidatura galeguista por Pontevedra ás Eleccións Constituíntes Republicanas 1º Castelao, 2º Valentín Paz-Andrade 3º Ramón Cabanillas. Ramón María del Valle-Inclán se presenta como candidato do Partido Radical de Alejandro Lerroux pola provincia da Coruña.
1931, xuño, 21. Se proclaman candidatos a deputados ás Cortes a Castelao, Valentín Paz-Andrade, Ramón Cabanillas, Gonzalo Otero García, José Lino Sánchez e Álvaro de las Casas.
1931, xuño, 23, martes. Mitin na alameda en Pontevedra onde falaron Castelao, Paz-Andrade, Cabanillas, Gerardo Álvarez Gallego e Álvaro Casas. Se publican fotografías do acto no semanario ilustrado Nuevo Mundo, Madrid, o 7 de xullo de 1933.
1931, xullo, 4. Realízase o escrutinio das eleccións do 28 de xuño de 1931. Gaña as eleccións en Galicia a FRG-ORGA que consigue 15 dos 47 deputados que lle corresponden polas catro provincias e lle permitirá formar un grupo parlamentario propio denominado “Minoría Galega”. Saen elixidos Antón Villar Ponte (68.89 votos) e Ramón Suárez Picallo (55.054) nas listas da FRG-ORGA pola Coruña; Ramón Otero Pedrayo (35.443) do PNRO coaligado coa FRG e o Partido Radical Socialista polas minorías de Ourense, e Castelao (19.571) pola candidatura galeguista polas minorías de Pontevedra. Os deputados galegos se integran cos de ORGA e outros independentes na Minoría Galega das Cortes, composta por 19 deputados, coa esperanza de que este grupo parlamentario apoie un maior autogoberno para Galicia.
1931, xullo, 12. Viaxa en automóbil de Pontevedra á Coruña. Alí colle o tren cara Madrid na compaña de Ramón Otero Pedrayo e de Vicente Martínez Risco para apelar á Comisión de Actas das Cortes debido a certas irregularidades no escrutinio do 4 de xullo: as actas dos colexios de Carbia (As Cruces) que asegurarían o escano de Paz-Andrade foron roubadas por encargo do radical Emiliano Iglesias Ambrosio antes de que chegaran á Xunta Provincial do Censo. A apelación non prosperou e Paz-Andrade queda sen escano nas cortes por poucos votos.
1931, xullo, 26. Participa na manifestación galeguista no García Barbón en Vigo.
1931, agosto, 15. Participa nun mitin en Lugo, entre os oradores tamén están Ramón Otero Pedrayo, Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo.
1931, agosto, 16. Asiste ao mitin da Pastoriza ás 11 h. da mañá xunto con Díaz Villamil e Álvaro de las Casas.
1931, agosto, 16. Mitin de Castelao en Vilanova de Lourenzá ás 16 h. da tarde apoiando a Valentín Paz-Andrade. Se retiran da contenda electoral R. Martínez Lopez e José Díaz Villamil debido aos amaños de Santiago Casares Quiroga.
1931, agosto, 16. Asiste ao mitin de Mondoñedo das 19 h. da tarde con Álvaro de las Casas.
1931, agosto. Debido a irregularidades, se repiten as eleccións ás Cortes Constituíntes na provincia de Lugo. Repiten na candidatura para as maiorías a FRG, Lois Peña Novo, Ramón Martínez López. Valentín Paz-Andrade se presenta por vez primeira por esta circunscripción.
1931, setembro, 18. Debuxo a tinta sobre papel caricatura de Castelao de Luis Bagaría, en Madrid. 23, 6 x 39. Colección Paz-Andrade.
1931, decembro. Participa na constitución do Partido Galeguista en Pontevedra.
1932, febreiro, 12 Participa nun mitin no Teatro Principal de Lugo xunto con Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, e Martínez López.
1932, febreiro, 28. Mitin de Castelao no Teatro Principal de Santiago. Valentín Paz-Andrade asiste na compaña de López Durán, Suárez Picallo e Otero Pedrayo.
1932, marzo, 1. Asiste a un acto galeguista presidido por Banet Fontenla en Santiago de Compostela. Tamén estaban presentes López Durán, Otero Pedrayo e Suárez Picallo.
1932, marzo, 20. Mitin de Castelao, Valentín Paz-Andrade, Ramón Suárez Picallo, Ramón Martínez López e Casas no Teatro Principal de Lugo.
1932, xuño, 19. Día da homenaxe a Castelao. En Lameiro espérao unha caravana de 74 automóbiles. Recibimento popular en Nadela. Ofrecemento dun artístico álbum no salón da deputación, recepción ás 12 h. no salón do Concello e ás 13.30 h. xantar para cincocentas persoas con discursos no hotel Méndez Núñez de Lugo, os discursos estiveron a cargo de Fernández Pimentel, Cadarso, López Pol, Suárez Picallo, A. Villar Ponte, Paz-Andrade e por último os agradecementos de Castelao. Tratábase dun acto de desagravio por un artigo sen asinar publicado no periódico El Imparcial de Madrid contra Castelao por defender o Estatuto de Autonomía de Cataluña.
1932, xuño, 26. Mitin ás 11 h. de Castelao, Alexandre Bóveda, Valentín Paz-Andrade e Otero Pedrayo no teatro Losada de Ourense e pola tarde ás 17 h. no Carballiño, a este último tamén asisten o deputado provincial por Ourense González Salgado e Vicente Martínez Risco.
1932, xullo, 3. Asemblea pro Estatuto en Santiago no Paraninfo da Universidade, presidida por Xaime Quintanilla á que asisten os representantes dos concellos máis importantes, asociacións culturais e económicas, os catro deputados da ORGA, os tres do Partido Galeguista e o do Partido Republicano Conservador na que se nomea unha comisión encargada de redactar un anteproxecto de autonomía que se adapte a Constitución e sometelo a información pública. A comisión redactora do Estatuto estaba presidia por Salvador Cabeza de León, decano da facultade de dereito e presidente do Seminario de Estudos Galegos; oito vogais e un secretario, Enrique Rajoy Leloup concelleiro en Santiago e decano do colexio de avogados de Santiago. Tamén se designa unha comisión para redactar o regulamento da asemblea rexional de concellos e unha última que se encargaría da campaña propagandística. Ás 15 h. asisten a un banquete popular no Hotel Compostela onde Castelao, López Pol, Cadalso, Otero Pedrayo, Suárez Picallo, Paz-Andrade e Quintanilla participan como oradores.
1932, xullo, 24. Mitin do Partido Galeguista en Noceda, Vilatuxe e Lalín. Falan Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Alexandre Bóveda, Ramón Suárez Picallo, Valentín Paz-Andrade e Álvarez Gallego.
1932, setembro, 4. Asisten Castelao, Ramón Suárez Picallo e Valentín Paz-Andrade a un mitín en Rois. Chegan ás 11h e son recibidos con boureo e foguetes. Logo son presentados por José Neo Rodríguez.
1932, setembro, 18. Viaxe en tren de Pontevedra a Vilagarcía acompañando a Castelao e Ramón Suárez Picallo. Os reciben unha comisión de Rianxo que os acompañan no barco ata o peirao de Rianxo. Son recibidos con entusiasmo, foguetes e banda de música que interpreta o Himno galego. Fan unha ofrenda na tumba de Manuel Antonio e se dirixen en procesión ata a casa Rañó en Cabo de Vila onde se celebra o banquete para oitenta persoas e pronuncian os seus discursos. Pola tarde, pronuncian novos discursos na praza de Rianxo e visitan a casa de Castelao. Esta é a primeira visita de Castelao como deputado a Rianxo.
1932, outubro, 9. Mitins en Baiona e Bueu nos que participan Otero Pedrayo, Castelao, Ramón Suárez Picallo, Valentín Paz-Andrade e Alexandre Bóveda.
1932, novembro, 22. Fíreno o dispararlle cinco balas nun enfrontamento cos sindicalistas na rúa Galán (hoxe Príncipe), en Vigo.
1932, decembro, 10 e 11. Celébrase a segunda asemblea anual do Partido Galeguista no local da Sociedade Económica en Santiago. Executiva: secretario xeral, A. Bóveda; secretario de organización e propaganda, Plácido R. Castro; secretario político, Xosé Núñez Búa; secretario técnico, X. Filgueira Valverde; secretario de propaganda Miguel Rodríguez. Valentín Paz-Andrade participa no Consello xunto con Víctor Casas, Banet Fontenla, Carvalho Calero, Vicente Martínez Risco, B.Varela, R .Villar Ponte, Garrido Álvarez, Ramiro Isla Couto, Xavier Pardo, Antón Alonso Ríos, Sebastián González García-Paz, A. Cunqueiro, L. Fernández Pimentel, Martínez Monteagudo, Florentino López Cuevillas, V. Paz-Andrade, José Lino Sánchez e Belén Prada.
1933, xaneiro, 8. Asamblea do comité central pro-Estatuto en Santiago que lle encarga contactar co goberno central para poñer a data do plebiscito do Estatuto na Cámara de Comercio de Santiago. Asisten Suárez Picallo, Poza, Paz-Andrade, López Aydillo, Otero Pedrayo, Cadalso, Bibiano Fernández Osorio-Tafalll, Álvarez Gallego, Bóveda e Castelao.
1933, outubro. É nomeado profesor auxiliar da Escola Superior de Traballo de Vigo.
1933, novembro, 1. A candidatura de Izquierda Republicana estaba composta por Laureano Gómez Paratcha, ex ministro de industria e comercio; Amado Garra Castellanzuelo, avogado ex alcalde de Vigo; Castelao, debuxante, escritor, ex deputado a Cortes; Telmo Bernárdez Santomé, médico; Ramón Alonso Martínez, presidente da Federación agraria provincial; Amancio Caamaño Cimadevila, médico e ex presidente da deputación provincial; Valentín Paz-Andrade, avogado e escritor; Alejandro Viana Esperón, comerciante; Antonio Alonso Ríos, vicepresidente da Federación agraria provincial; Gonzalo Martín March, mestre nacional.
1934, xullo, 24. Mitin das Arengas ás 12 h. da noite na praza da Quintana en Santiago de Compostela. Falan: Álvarez Gallego, Banet Fontenla, Bóveda, Plácido Castro, Gomez Román, Sebastián González, Víctor Casas, A. Iglesias Alvariño, Durán García, R. Martínez López, Luna Suárez Delgado, Suárez Picallo, Antón e Ramón Villar Ponte, Emilia Docet, Peinador, Castelao, Paz-Andrade e Otero Pedrayo.
1934, novembro, 23. Castelao, exiliado en Badajoz, escríbelle para que o substitúa na secretaría política do Partido Galeguista. Non acepta.
1936, febreiro. Preséntase como candidato da candidatura republicana de centro pola circunscripción de Pontevedra ao Parlamento. Nesta época escribe asiduamente para El Pueblo Gallego, de Vigo.
1936, febreiro, 23. Escrutinio xeral. Castelao con 103.436 votos é o candidato máis votado da Fronte Popular na provincia de Pontevedra. O segundo é Bibiano Fernández Osorio-Tafall, de Izquierda Republicana, con 102.234 votos. Elpidio Villaverde, de Izquierda Republicana, con 98.313, Alejandro Viana Esperón, de Izquierda Republicana, con 87.939; Antón Alonso Ríos, de con 86.114. O candidato Valentín Paz-Andrade, na lista de Portela Valladares, non sae electo.
1936, xullo, 18. Pasa os días no seu bufete, en Vigo, pendente das noticias.
1936, xullo. Axuda a fuxir a través de Portugal a amigos como Xosé Núñez Búa e Ramón Martínez López.
1936, setembro, 9. Desterrado a Verín, onde vai sufrir o seu segundo atentado esta vez a mans de catro falanxistas.
1937, xaneiro. Desterrado a Requeixo de Queixa. Escribe poemas en galego.
1937, abril. Autorizado a vivir en Castro Caldelas e logo en Trives.
1937, agosto, 13. Estando en San Miguel de Outeiro con Xesus Prada Losada coñece a Pilar Cilda Rodríguez de Prada. Sobriña política do poeta valdeorrés Manuel Valcarce Gómez falecido en 1931.
1937. Escribe o poemario A serra. Cantos do desterro branco.
1937. Escribe o poemario Sangue na neve. Etopeia da serra.
1937, decembro. Levántanlle o desterro e volta a Vigo a exercer a avogacía na rúa Urzáiz (ao lado do café Derby).
1939, agosto. Volve a ser detido e desterrado a Villanueva de la Serena (Badajoz) ate a finais de ano.
1939, agosto, 26. Morre o pai da súa moza Alfonso Rodríguez Losada.
1939, decembro, 8. Casa con Pilar Cilda Rodríguez Losada ás 8 horas na capela do santo Cristo na catedral de Ourense.
1939, decembro. Fan a viaxe de casados en automóbil por Salamanca, Madrid e Andalucía. En Sevilla tiña Pilar un tío paterno, Edmundo, empresario, casado e sen fillos. Logo cruzan en barco ata Tetuán. Volven o 20 de decembro e paran en San Miguel.
1940, xaneiro. Exerce a avogacía no seu despacho na rúa Urzáiz. O matrimonio vive no hotel Continental e posteriormente no hotel Moderno.
1940. Instalados en Vigo, o matrimonio aluga un piso na rúa Policarpo Sanz 22 2º onde Valentín establece o seu despacho.
1940, outubro, 4. Nace o seu único fillo, Alfonso Valentín Francisco Juan Paz-Andrade Rodríguez.
1942. Asume a dirección da revista Industrias Pesqueras substituíndo a Fernando de Miguel.
1943, maio. Recibe a orde do delegado de educación popular na que lle prohibe asinar artigos co seu nome. Usará os pseudónimos M., Xan Quinto e Mareiro.
1945. Establécese a tertulia de escritores e artistas no café Alameda en Vigo.
1945. Viaxa a Paris e establece os primeros contactos cos exiliados.
1946, agosto. Trasládanse a vivir ao piso da praza de Compostela, en Vigo. Mantén o seu despacho de avogado en Policarpo Sanz.
1946, setembro. Morre o seu pai Francisco en Pontevedra.
1946, setembro. Viaxa a Madrid.
1948, maio, 26. Publícase a segunda edición de Estampas compostelanas de Ksado. Na nova edición se introduce o prologo escrito por Valentín Paz-Andrade.
1950, xaneiro. Publica o artigo "Castelao, el hombre y el artista" no suplememento de La Noche, Santiago. Para Paz-Andrade, este artigo sobre a morte de Castelao foi “o primero con fondo ideolóxico que se publicaba en Galicia desde 1936”
1950, xullo, 21. Viaxa en avión por primeira vez a Buenos Aires invitado polo Centro Galego para participar nas xornadas patrióticas galegas. O presidente Perón o recibe en Buenos Aires onde da varias conferencias. Nesta viaxe visita tamén Montevideo, São Paulo, Santos e Río de Janeiro.
1950, xullo. Colabora coa revista do ourensán Pedro Núñez Arcas.
1950, xullo. Fúndase a editorial Galaxia en Santiago de Compostela da que será accionista.
1950, agosto. Regresa de Buenos Aires a Galicia en avión.
1950. Cumpre co encargo, feito en Buenos Aires, de xestionar desde Vigo o envío de obras para a exposición Artistas Galegos que se celebrará en Buenos Aires en xullo de 1951.
1951, xullo, 15. Asiste ao percorrido polos lugares rosalianos organizado polo Patronato Rosalía de Castro.
1951. A proposta do pontevedrés exiliado Bibiano F. Osorio-Tafall é designado pola FAO (organización de Nacións Unidas para a agricultura e alimentación) para impartir cursos sobre economía pesqueira.
1952, xaneiro, 16. Viaxa en avión coa súa dona a Santiago de Chile para dirixir na Universidade de Santa María de Valparaiso un curso de economía pesqueira organizado pola FAO ata o 14 de marzo.
1952, marzo. Desprázase a Buenos Aires.
1952. Escribe o poemario “Rosario ao lume” en Vigo.
1952. Recibe o encargo do diario Informaciones dunha serie de artigos sobre a problemática pesqueira. Desas entregas sairá o libro “Producción y fluctuación de las pesquerías”.
1954. Publícase “Producción y fluctuación de las pesquerías”. Unesa, Madrid.
1954. Publica “Principios de economía pesquera” co prólogo de Osorio-Tafall. FAO, Santiago de Chile.
1954, outubro, 5. Viaxa en avión a Nova York, onde pasa tres días, con destino a México. Reside na capital ata o 30 onde se encontra cos exilidos galegos Arturo Souto, Bal y Gay e Dopico. A editorial Fondo de Cultura Económica encárgalle un tomo sobre a economía da pesca que debería entregar en abril de 1955.
1954, novembro, 1-13. Desprázase a Mazatlán. Do 15 o 30 permanece en Veracruz e finalmente, volve a México capital. Ata decembro imparte un Curso latino-americano de capacitación pesqueira organizado pola FAO Entre os profesores está Ossorio-Tafall. Escribe a crónica da viaxe e da estadía para La Noche, Santiago de Compostela, e Informaciones.
1954. Visita A Habana e Nova York.
1954, decembro. Volve en avión a Galicia.
1955, xaneiro, 7. Publícase “Pranto Matricial.” Tradución ao castelán de María de Villarino. Debuxos de Colmeiro, Maside, Souto e Torres. Ed. Galicia del Centro Gallego, Buenos Aires.
1955, febreiro, 13. Viaxa a Bogotá coa misión de ordenación xurídica e económica das pesquerías por encargo da FAO. Elabora un proxecto de División de Pesquería e un Consejo Nacional de Pesquerías para o goberno colombiano. Desprázase en avión a Cartagena de Indias, Barranquilla e Santa Marta. O 10 de marzo comeza un curso que imparte na Universidade Jorge Tadeo Lozano de Bogotá onde permanecerá ata xuño. Publica en El espectador unha serie de artigos sobre o despegue pesqueiro de Colombia.
1955. Visita A Habana.
1955, maio. En Bogotá escribe o poemario “Canto do pobo disperso”. Mecanoescrito inédito. Fundación Luis Seoane.
1955, xuño. Regresa de Colombia a Galicia.
1956. En Vigo imparte a conferencia "El impacto de la sardina en la economía de Galicia" no curso universitario de verán da Universidade de Santiago de Compostela.
1957, xuño. É invitado a participar por segunda vez nas xornadas patrióticas galegas organizadas polo Centro Galego de Buenos Aires para o mes de xullo.
1957, xuño, 20. Regresa a Vigo.
1957, xuño, 21. Ingresa no cárcere en Vigo onde permanece trinta dias de arresto menor pola publicación dunha noticia de catro liñas no número do 15 de setembro de 1956 en Industrias Pesqueras.
1957, xullo. Sae do cárcere e viaxa en avión co seu fillo Alfonso a Arxentina para participar nos actos do cincuentenario da fundación do Centro Galego de Buenos Aires.
1957, agosto. Imparte conferencias en Buenos Aires, Montevideo, São Paulo e Río de Janeiro.
1957, agosto. Voltan a Galicia.
1957. Imparte a conferencia "Soberanía y recursos libres del mar" no curso universitario de verán da Universidade de Santiago, en Vigo.
1958, marzo. Impulsa o Premio Mourente en Galicia.
1958, xullo, 22. Publícase “El sistema económico de la pesca en Galicia”, en Buenos Aires.
1959, xuño, 10. Publícase “Galicia como tarea”, Buenos Aires. Titulado polo autor “Galicia en números vivos”. O libro está conformado polos textos ampliados das conferencias dadas en Sudamérica en 1957 onde analiza a potencialidade de Galicia e os principais problemas aos que se enfrentaba na época.
1959, outubro-novembro. Comeza a colaborar con Manuel Cordo Boullosa no proxecto de construción dunha refinería de petróleo, Petrogasa, en Vigo. Logo dun ano non se concede a autorización.
1959, decembro, 3. Comeza a publicar o libro “Galicia como tarea” en artigos en La Noche, Santiago.
1960, xuño, 23. Fúndase Pescanova S. A., en Vigo, é nomeado vicepresidente.
1960. Publica "Los derechos sobre el espacio marino" en Revista de legislación y jurisprudencia.
1960. Volve a colaborar con La Voz de Galicia.
1960, novembro. Viaxa a Madrid con Lorenzo Varela en automóbil.
1961. Bautiza o primeiro buque Pescanova, o Lemos, que sae a procura de pescada en augas arxentinas.
1961. Bautiza o segundo buque de Pescanova, Andrade, un arrastreiro conxelador que sae a procura de pescada en augas sudafricanas.
1961, abril. Viaxa a Lisboa para asistir a unha conferencia pesqueira.
1961, maio-xuño-xullo. Viaxa a Mozambique invitado á inauguración dunha refinería de petróleos de Manuel Cordo Boullosa.
1961. Remata a casa de Pousa Nova do Mar en Samil.
1961, decembro, 23. Sufre un accidente de tráfico en Lérez, Pontevedra. Permance ata comezos de febreiro de 1962 ingresado no sanatorio Domínguez en Pontevedra.
1962, marzo, 1. Establécese en Pousa Nova do Mar en Samil para recuperarse das operacións e comezar a rehabilitación.
1962, setembro. Botadura do conxelador Soutomaior de Pescanova en Vigo.
1963, xuño. Viaxa a París.
1963, xuño. Viaxa a Palma e Barcelona.
1963, outubro. Participa en Londres no II Congreso da FAO sobre buques de pesca.
1964, xaneiro. Co novo Plan de Desenvolvemento económico elabora un proxecto e estudo para a creación dun Banco Industrial en Vigo.
1964, febreiro. Pescanova constitúe unha filial en Sudáfrica.
1964, abril. Imparte unha conferencia no curso do Círculo das Artes en Lugo.
1964, xuño, 7. Noméano membro numerario da Real Academia Galega.
1964, xullo. Remátase o buque factoría Galicia de Pescanova
1964, xullo. A ditadura prohíbelle seguir escribindo en Faro de Vigo.
1964, outubro. Propón e asesora ao alcalde de Vigo para converter o Pazo de Castrelos nun museo de pintura galega moderna.
1965, outubro, 1-3. Participa no III Congreso Regional de la emigración en Santiago de Compostela como delegado do Centro Galego de Buenos Aires.
1965, novembro. Asiste co seu fillo Alfonso ao III Congreso técnico da FAO sobre buques de pesca en Göteborg, Suecia.
1966, xaneiro. Viaxa a Guinea Ecuatorial.
1966, maio, 18. Conferencia na IIIe Biennale Internationale des Pêches, en Lorient.
1966, xullo, 15. Chega a Buenos Aires invitado polo Centro Galego.
1966, xullo. Viaxa a Montevideo.
1966, setembro, 14. Remata o libro “La anunciación de Valle-Inclán” que envía para publicar en Buenos Aires.
1966. Viaxe a Lima.
1966. Viaxe a Caracas.
1966, decembro. Defende a Alberto Míguez
1967. Publica “La anunciación de Valle-Inclán” en Buenos Aires.
1967, xullo. Viaxa en avión na compañía de José Fernández López, presidente de Pescanova, ata Buenos Aires.
1967, xullo, 14. Presenta “La anunciación de Valle-Inclán” en Buenos Aires.
1967, decembro, 4-20. Viaxa á Patagonia e volve a Buenos Aires.
1968, xaneiro. Remata “Sementeira do vento”.
1968, xullo, 24. Publícase “Sementeira do vento” coa carta-prefacio de Guilherme de Almeida e ilustracións de Laxeiro e a incorporación do seu poemario de 1955 “Pranto matricial”. Ed Galaxia,Vigo.
1968. Colabora no libro “O porvir da lingua galega”, editado polo Círculto das Artes, Lugo.
1968. Participa co relatorio "Evolución del sector pesquero en Galicia" no curso "Perspectivas de Galicia ante el 2º plan de desarrollo" na Coruña.
1969, marzo, 11. Constitúese a empresa de fabricación de maquinaria naval Ibercisa, en Vigo, da que é nomeado vicepresidente.
1969, xullo. Remata “La marginación de Galicia”.
1969, setembro. Viaxa a Roma para participar na conferencia internacional sobre investimentos na pesca.
1970, maio. Participa na conferencia internacional sobre arrastre en Reikiavik.
1970, maio, 23. Publícase “La marginación de Galicia” en Madrid. 3.000 exemplares.
1970, agosto. Sofre unha trombosis cerebral e unha alteración cardíaca. Loita con esa afección da que se recupera co paso dos anos.
1970. Publícase “El capital como factor de desarrollo en Galicia”, Banco del Noroeste, A coruña.
1972, xaneiro, 21. Falece María Cilda Pilar Prada Losada, nai de Pilar Cilda Rodríguez. Enterrana en Valdeorras.
1972. Publícase “Problemas y soluciones del desarrollo económico de Galicia”, de Carlos Otero Díaz, Valentín Paz-Andrade, Juan Velarde Fuertes, Luis Ángel Rojo Duque, Ramón Tamames e José B. Terceiro.
1973, abril, 23. Nace o seu neto Valente.
1973, setembro. Celébrase por primeira vez a Exposición Mundial da Pesca en Vigo. El será o xerente da feira.
1973. A partir deste ano regresa á actividade política.
1974. Viaxa a Caracas para participar na III conferencia da ONU sobre o dereito do mar. Escribe tres artigos para ABC, dous para Arbor e a crónica da conferencia para La Vanguardia. Apróbase nesa xuntanza a imposición da zona económica exclusiva das 200 millas para a pesca.
1974. Viaxa a Brasil (Río de Janeiro, Brasilia, São Paulo e Santos) onde sigue e investiga o rastro do escritor João Guimarães Rosa.
1974, novembro. Xohana Torres grava en disco o poema Pranto matricial.
1974. É designado representante galego na Xunta Democrática, creada en París.
1974, setembro, 27. Da a conferencia "El concepto de zona económica en el nuevo derecho de la mar" na Cámara de Comercio da Coruña.
1975, maio. Outórganlle o Pedrón de Ouro en Padrón.
1975. Publícase unha nova edición pentalingüe de “Pranto matricial” Ed. do Castro, Sada. Tradución ao portugués de Guilherme de Almeida, ao éuscaro de Gabriel Aresti, ao catalán de Francesc Vallverdú, e ao castelán de María de Vilariño.
1976, xullo. Participa nun ciclo de conferencias sobre pesca organizadas pola Universidade en Vigo.
1976. Colabora co artigo "La sociedad y la economía" no libro “Los gallegos”.
1976, setembro. Participa co relatorio "La pesca en la economía española" nas primeiras xornadas sobre marketing na pesca, en Vigo.
1976, decembro, 4. Forma parte da Comisión Negociadora da Oposición Democrática, a Comisión dos Dez, representando a Galicia como independiente.
1977, febreiro. Viaxa a Madrid a unha xuntanza da Comisión dos Dez.
1977, febreiro, 7. Conferencia "Galiza diante da autonomía" no Congreso de Cultura Catalana.
1977. Participa no proxecto do novo xornal Galicia en Santiago.
1977, xuño. Preséntase como senador por Pontevedra na Candidatura Democrática Galega Independente. Participa na campaña electoral falando en vinte mitins na provincia de Pontevedra.
1977, xuño, 15. É elixido senador
1977, decembro, 4. Participa na gran manifestación reivindicando o Estatuto de Autonomía para Galicia "Galicia pola Autonomía". Paz-Andrade pecha o acto ante a multitude concentrada na explanada do náutico de Vigo.
1977. Remata o libro “Cen chaves de sombra”.
1978, febreiro, 11. Ingresa na Real Academia Galega co discurso “A galecidade na obra de Guimarães Rosa” na Coruña. Fora nomeado en 1964.
1978, maio. Participa na semana da cultura galega en París.
1978. Publícase “A galecidade na obra de Guimarães Rosa” coa introducción de Paulo Rónai e o epílogo de Álvaro Cunqueiro Ed. do Castro, Sada.
1978. Colabora co artigo "O modelo federal para a constitución do Estado Galego" no libro Testemuñas e perspectivas en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos Ed. Do Castro, Sada.
1978. Outórgaselle a Cruz de San Raimundo de Peñafort.
1978. Viaxa cunha comisión do Senado a Canadá.
1979, xaneiro, 20. Outórgaselle o premio cidade de Pontevedra ao labor literario pola obra "A galecidade na obra de Guimarães Rosa".
1979, abril, 26. Publícase “Cen chaves de sombra” con limiar de Lorenzo Varela e ilustracións de Laxeiro. Ed. do Castro, Sada.
1980. Comeza a elaborar a biografia sobre Castelao,“Castelao na luz e na sombra”.
1980, decembro, 5. Imparte a conferencia "Perspectiva e contrapunto da obra de Blanco Amor" no Ateneo, Ourense.
1981. Publicase a 2º ed. ampliada de “La anunciación de Valle-Inclán” en Madrid.
1982, xullo. Publícase “Castelao na luz e na sombra” Ed. do Castro, Sada.
1983, febreiro. Escribe o poemario “Saga de símbolos”.
1983, abril, 4. Participa no Museo Carlos Maside nunha mesa redonda sobre pesca organizada pola Área de ciencias mariñas do Seminario de Estudos Galegos.
1983, xullo, 13. Pronuncia o pregón na inauguración da Feira do libro en Vigo.
1983, setembro. Publícase traducido ao portugués por Paulo Rónai “A galecidade na obra de Guimarães Rosa” en São Paulo.
1984, xaneiro, 16. Outórgaselle a Medalla ao Mérito Social Marítimo.
1984, abril. Escribe o poemario “Precánticos da galeguidade”.
1984, abril. Escribe o poemario “Aura ora de Galiza”.
1984, xuño. Outórgaselle a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.
1984, xullo, 18. Conferencia en Lisboa “Aventura, drama e obra de Castelao”.
1984. É nomeado presidente de Amigos do Museo de Pontevedra.
1984, decembro, 7. Pronuncia a conferencia "Castelao na vida e na obra" en Vilanova de Gaia.
1984, decembro. Participa no acto de clausura da exposición sobre Castelao organizada por Sargadelos en Barcelona.
1985, maio, Escribe os textos para o catálogo da exposición “Castelao, obra gráfico-bibliográfica e documental da súa vida e da súa obra” montada polo Seminario de Sargadelos e patrocinada polo concello de Vigo.
1985. Publícase o libro de artigos “Galiza lavra a sua imagen”. Ed do Castro, Sada.
1985. Escribe o poemario “Canto en catro ao conde de Andrade”. Inédito.
1985, decembro, 5. Ingresa como Académico numerario na Academia Galega das Ciencias coa lectura do discurso “O home dentro do sabio: Pedro Joseph de Bermés (1770-1824)”. É contestado po lo académico numerario Enrique Vidal Abascal.
1986, xaneiro, 30. Conferencia "Castelao e a lingua galega" en Viana do Castelo.
1986, maio, 23. Outórganlle a Primeira Medalla de Ouro da Cidade de Vigo.
1986, xuño. Outórgaselle o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo.
1986, xuño, 28. Publícase cunha tiraxe de 1001 exemplares o poemario “Cartafol”, unha homenaxe a Otero Pedrayo de Valentín Paz-Andrade. Recompila o apartado Agora eres canzón publicado en “Cen chaves de sombra”.
1986. Publícase a 2ª edición revisada e ampliada de “Castelao na luz e na sombra” Ed. do Castro, Sada.
1986. Publícase traducido ao éuscaro Pranto Matricial de Valentín Paz-Andrade, en San Sebastián. Tradución de Gabriel Aresti.
1987, maio, 19. Falece aos 89 anos en Vigo. Entérrano en Lérez, Pontevedra.