Índice
Breve lembranza de Valentín, por Isaac Díaz Pardo
Eu fun o primeiro que leín o libro de Paz-Andrade Galicia como tarea, porque Luís Seoane entregárame os folios co orixinal para que os correxira. O texto viña con certas cousas propias da situación que padecía o país, pois aínda que Valentín era un empresario respectado en Vigo, debía someterse a certos principios do réxime, máximo nun texto sobre economía -presunción do réxime- que sería ben mirado no control de Correos. Eu correxín algunhas cousas que non modificaban o texto, mais suprimín discretamente certas atribucións. Cando Luís viu as correcións estivo conforme con elas.
Todo isto é anecdótico, pois supoño que o comisario desta exposición aproveirou o título do libro publicado pola Editorial Galicia do Centro Galego de Bos Aires para significar que a obra de Valentín foi sempre ter a Galicia como tarefa da súa vida.
Cando coñecín a Valentín por primeira vez? As xuntanzas que se celebraban en Santiago na casa onde eu nascín, serviron pra unir aos galeguistas do norte e do sur. Temos unha carta de Otero Pedrayo do ano 1929 dirixida a Loada Diéguez, sobre unha das xuntanzas organizadas polo gurpo da Coruña. Reunidos en Nadal de 1928, estaban Otero, Risco, Cuevillas, Pedré, Martínez López, Fraguas, Zamora e Camilo Díaz na sua casa na rúa das Hortas. Nós, os fillos de Camilo, andabamos na escola, aínda que meu pais non deixaba de presentarnos aos seus amigos. Por el soupemos que nisas xuntanzas tamén estivera Castelao, Valentín, Núñez Búa e outros. Eu lembraba a Ánxel Casal porque era como se fose un máis da familia. Tamén recordaba a Teixeiro porque foi o meu profesor na súa Academia Xelmírez.
Otero, Castelao, Valentín, Núñez Búa e outros dixéronme que me coñeceran naquelas xuntanzas. Teño unha carta de Otero Pedrayo na que se acredita isto.
Eu apenas me relembro daquilo, mais Otero, Valentín e Núñez Búa coñeceron aos fillos de Camilo na súa casa da Rúa das Hortas. Otero me ten enviado o seu primeiro escrito, como me tiña presentado o meu pai en tempos da República.
Con Paz-Andrade teño recordado moito aqueles tempos e as cousas que aconteceron a partir do ano 36, as xuntanzas con el fixéronse máis intensas a partir de 1942 cando rematei os meus estudos en Madrid, tamén nos viamos na xuntanza do café Alameda que presidía, situado ao pé da casa onde el vivía. Un día estas tertulias interrompíronse, pois tivero a Valentín na cadea ate o derradeiro día no que saíu para Bos Aires invitado a dar varias conferencias. A miña amizade con Valentín quedou marcada por moitas coincidencias: o seu amor a Galiza e o saber situala na Iberia, o seu afán investigador, en xeral, mais tamén sobre a arte galega e os artistas galegos. Pola súa capacidade de coñecementos, de emprendedor, da súa relación con xentes importantes, con Castelao en primeiro lugar. Vigo era para el o punto de partida dende onde se podería coñecer o mundo. Era a porta do mar polo seus conocementos, pola súa personalidade. Era chamado dende varios frentes, algúns difíciles de sortear dos que el sempre saía adiante pola súa capacidade política. Cando Osorio-Tafall o nomeou representante da FAO en España, os armadores dos buques pesqueiros organizáronlle na coruña unha homenaxe cun xantar no que se produciu unha situación difícil, porque o réxime quería participar daquel éxito. Téñolle reseñado recentemente esta situación a un xornalista que está a facer un libro sobre Valentín, de maneira que non é necesario repetilo aquí.
As investigacións do mar americano, ao mesmo tempo que expoñía nas universidades de América as súas crenzas e a sabiduría da súa terra, do seu mar, son as ideas das que naceu en Vigo o coñecemento e a exposición de caladeiros lonxanos que a súa explotación é hoxe un exemplo mundial da pesca.
En Galiza ou en América teño acompañado a este excepcional home do que teño aprendido moito. Vaia esta breve nota só para recordalo e agradecerllo.
Castro de Samoedo, novembro 2011
*Publicado no catálogo da exposición "Valentín Paz-Andrade. Galiza como tarefa"