Índice
Político sobre todo, por Carlos G. Reigosa*
Causoume unha fonda ledicia a atención que se lle prestou a Valentín Paz Andrade co gallo de dedicarlle o Día das Letras deste ano. Fíxoselle xustiza a un home inquieto e emprendedor que foi avogado, xornalista, ensaísta, poeta, promotor industrial e, por riba de todo, político. Político galeguista no senso máis moderno e profundo do concepto. Porque se cadra o que non quedou tan claro despois de homenaxealo nas múltiples facetas e desenvolvementos, foi que a súa vocación verdadeira, preferente e tal vez única, era servir politicametne a Galicia. Coido que todo o que fixo á marxe disto debeude á circunstancia franquista, que lle impediu ser públicamente o político lúcido, dilixente e incansable que era e que levaba dentro. Abonda con ler o seu libro Castelao na luz e na sombra para facerse unha idea do proxecto político subxacente.
Pero a historia foi a que foi, e aí está. Dedicarlle o Día das Letras Galegas do 2012 a Paz Andrade non foi un acto inocente, senón algo luminosamente intencionado. Teño lembranza de moitas conversas con el e sei do que falo, porque don Valentín sempre deixaba ver sutilmente o que para el era esencial en cada caso, é dicir, o que el cría principal para Galicia. A súa vocación política estendíase a todo: ao xornalismo, á literatura, á economía, etcétera, pero nunca deixaba de ser unha forma de vertebrar a súa terra desde unha visión global. Dito noutras palabras, era todo menos un localista de ollada curta. Polo contrario, sempre viu Galicia nun ambicioso contexto mundial.
Hai unha liña recta entre o mozo Paz-Andrade que impulsou con determinación o proxecto autonomista galego desde o diario Galicia (1922-26) e o xa o veterano que, tras a morte de Franco, loitou denodadamente para que a nosa comunidade autónoma non perdera a súa posición histórica. Un político rexo que, con nídia anticipación, defendía un Estado descentralizado (coas autonomías catalá, vasca e galega), sen duplicidades de gastos, sen parasitismos burocráticos, sen carestías absurdas (¡parecen palabras ditas hoxe!) e sen medo ás innovacións orgánicas. Os galeguistas que logo lideraron a apartidista Realidade Galega (1980) e aceptaron o famoso “café para todos” demostraron ter menos visión colectiva. Pero tiñan se cadra unha visión máis clara dos seus propios intereses persoais.
*A outra mirada