Índice
“Don Valentín: na miña luz sen sombras” por Xosé Estévez
-ADRO.-
As miñas relacións persoais con Don Valentín non foron intensas nin frecuentes, pero foron dabondo para xerar unha corrente de empatía, especialmente a través dos seus escritos, das súas cartas e da entrevista persoal con el sostida, e xustificar o título deste traballo.
A primeira vez que oín falar de Don Valentín foi a Manuel María, o meu inesquencible amigo, que me armou cabaleiro nas lides do patriotismo galego. El me subministraba sempre información precisa, fiel e ampla, sobre a cultura galega e os seus principais escritores e intelectuais. En 1969, cando aínda pertencía á lexión negra da cregaxe, na librería Xistral de Monforte de Lemos que rexentaba xunto a súa dona Saleta Goi, recomendoume a lectura de Sementeira do vento, libro de poemas saído do prelo o ano anterior. Díxome: “É un excelente poeta. É galeguista, avogado, economista, coñeceu a Castelao e é fiel á súa memoria a á súa mensaxe”. Para min esta nova foi unha labarada.
Despois fun lendo as súas obras con atención e gardo a data de merca dos seus libros, pois teño a mala costume de apuntala en todos. “Galicia como tarea” (1959) doouma temporalmente para ler Manuel María. “La Anunciación de Valle Inclán” (1967), editada por Akal en 1981, merqueina na librería Xistral o 24 de xullo dese mesmo ano, véspera do Día da Patria, festa nacional a que nunca fallei dende 1969, agás en 1999 e no 2003 por forza maior, a doenza de miña filla Alda, a rosa inmurchabel e princesa do meu corazón. “La Marginación de Galicia” (1970), da editorial Siglo XXI, compreina en Madrid ese mesmo ano. A monumental biografía: “Castelao na luz e na sombra” (1982) tamén foi adquirida na librería Xistral, como tamén o foron :”A galeguidade na obra de Guimaraes Rosa” (1983), “Galiza lavra a súa imagen” (1985), e “Cen chaves de sombra” (1979), nos mesmos anos da súa edición.
“Los Gallegos”, libro editado por Itsmo en Madrid en 1976, merqueino en Donosti a finais dese ano. O capítulo 2, dedicado á Sociedade e á Economía (pp. 45-93) foi escrito por D. Valentín, con data en Pousa Nova do Mar (Vigo) en novembro de 1975. Non sabemos se o rematou antes da morte do Perenne ou despois dela, aínda que se transloce a veciñanza do seu pasamento. Sen dúbida é o mellor capítulo do libro. Nesa memorables páxinas D. Valentín enguedella unha das análises máis maxistrais e certeiras da realidade socioeconómica galega, con incursións moi atinadas na mentalidade subxacente do país galego e dos galegos/as.
A biografía de D. Valentín a cargo de Tucho Calvo a través da metodoloxía dunha longa entrevista tamén foi adquirida na Librería Xistral o 23 de xullo de 1999, un ano despois da súa publicación en edicións do Castro, cando xa finara o biografiado. A súa reedición no 2011, que volvín a ler, foi un xeneroso galano do seu fillo Alfonso.
O Epistolario de D. Valentín, en edicións do Castro, mercado na véspera da Patria do 1997 na librería Xistral, reflicte a variada cantidade e calidade dos persoeiros con quen mantivo correspondencia e amizade.
-A PENEIRA LUMÍNICA DA MEMORIA.-
En setembro de 1981 estivo uns días no meu fogar Xosé Bieito Abraira, na compaña da súa dona, Mercedes Cela, dos que gardo unha inmellorable lembranza e unha interesante correspondencia. Abraira indicoume que para o tema galeuzcano sería importante que me puxera en contacto con D.Valentín Paz Andrade, xa que el mesmo lle trouxera recentemente de Bos Aires documentación encol de Castelao. O 6 de outubro de 1981, dende Hernani onde residía daquela, atrevinme a escribirlle unha carta, solicitándolle información sobre o movemento trinacional de Galeuzca durante a II República e o exilio, no que fora protagonista primordial por parte galega o seu amigo Castelao. Como se pode ollar pola carta adxunta de resposta, datada o 6-11-1981, remitiume ó seu inminente libro “Castelao na luz e na sombra”, no que había un capítulo especial encol do tema. Tamén ofrendaba toda a súa influencia para que puidera investigar nos fondos de Galaxia. Esperaba tamén información de Bós Aires a través de Xosé Bieito Abraira, persoeiro moi vencellado a Castelao, a quen tiven a honra de albergar durante unha semana no meu fogar de Hernani xunto ca súa dona, Mercedes.
En virtude das miñas obrigas profesionais como profesor e as escasas, por dicir nulas, facilidades, que para a xeira investigadora as autoridades académicas da UD fornecían, a pesares de ampulosas declaracións cara a galería, aproveitei o verao de 1982 para entrevistarme persoalmente con D. Valentín no seu fogar, “Pousa Nova do Mar”, bicado polas areas da praia de Samil, en Vigo. Despois de concertala entrevista por teléfono, recibiume agasalleiro na súa biblioteca. Era un espazo acolledor, ateigado de libros e carpetas de documentos. Falamos demoradamente durante unha mañá enteira. Subministroume moita información oral e escrita, algunha dela pouco coñecida, conferíndolle á conversa un ton confidencial. Pediume que algúns detalles non debían ser publicados, pois vivían persoeiros que podían sentirse ofendidos. Tamén lle doei ampla información encol da situación de Euskal Herria, pola que se amosaba moi interesado. Puiden percibir, ademais, que tiña un coñecemento dela fora do corrente.
En 1984 mandeille por correo postal “Os vellos non deben namorarse”, traducido ó éuscaro polo escritor e académico de Euskalzaindia, D. Antonio María Labayen, co título de “Agurreok maitemindu bear ez”. O tradutor confesoume que coñecía a obra do rianxeiro dende os tempos da II República, cando ocupaba cargos importantes dentro da cúpula do PNV, partido polo que saíu elexido alcalde de Tolosa. Tivo que exiliarse a Franza co gallo do Alzamento de 1936 e no desterro leu varias obras de Castelao, convertíndose nun afervoado seareiro del. Co gallo desta tradución o Fato Cultural Daniel Castelao, fundado en 1977 e situado no barrio de Trintxerpe, ateigado de galegos que loitaron a prol da República e de Euzkadi no exército vasco ou Euzkogudarostea na Guerra Civil de 1936, dedicoulle unha homenaxe ao Sr, Labayen no seu fogar tolosarra. Desa homenaxe posúo constancia escrita.
Após da recepción da devandita tradución D. Valentín remitiume esta epístola de agradecemento e de solidariedade co Pobo Vasco, datada o 26 de novembro de 1984, que demostra unha vez máis a súa calidade humana.
Debo engadir que en numerosas ocasións, sobre todo en actos galego-éuscaros (homenaxes a Castelao, Día das Letras Galegas, Magostos, conferencias, lectura de poemas etc.) utilicei con fartura o seu libro “Pranto matricial” na versión eusquérica do grande poeta vasco Gabriel Aresti, defensor dos galegos e amigo de Manuel María. Nestes actos sempre tiven e teño a gratificante e educada costume de agradecer o acollemento hospitalario do Pobo Vasco aos emigrantes galegos con unha lectura dalgún poema galego en éuscaro e este case sempre pertencía ao devandito poemario de D. Valentín. Hai, ademais, unha razón sobranceira nesta escolla. Castelao é o persoeiro galego máis coñecido e admirado en Euskal Herria. Case a totalidade das súas obras están traducidas ao éuscaro, incluída unha antoloxía do Sempre en Galiza e a xeografía vasca está inzada de monumentos, rúas e prazas na súa honra e memoria: Barakaldo, Eibar, Donosti, Bilbao (barrio de Txurdinaga) e Pasaia (barrio de Trintxerpe). O propio rianxeiro mantivo unha abondosa correspondencia e unha fonda amizade con persoalidades vascas da categoría do lehendakari José Antonio Aguirre e dos deputados Manuel de Irujo, José María Lasarte, Ramón Aldasoro, Julio Jáuregui e Francisco Basterretxea, pai do escultor Néstor.
-UNHA CONFERENCIA EN DONOSTI.-
En novembro de 1987, co gallo das pescudas para rematar a miña tese de doutoramento encol do Galeuzca, atopeime con unha gorenteira sorpresa ao repasar paseniñamente o xornal EL DÍA, voceiro do PNV en Donosti entre 1931 e 1936. O 30 de setembro de 1932 o citado xornal incluía nas súas páxinas case enteira unha conferencia que D. Valentín pronunciara na Bela Easo o día anterior, 29 de de setembro. Festividade de San Miguel, día no que o PNV celebra a festa do partido dende 1977 e lembra a San Miguel de Aralar, aínda que a súa fundación se producira simbólicamente o día de San Ignacio, 31 de xullo de 1895. Pretendía remesarlle a transcrición a D. Valentín, pero non o fixen, porque este xa finara en maio do mesmo ano. No 2011, ao escoller, con indubidable acerto, a Real Academia Galega a D. Valentín como persoeiro das Letras Galegas do 2012 envieille a conferencia escaneada e transcrita ao seu fillo, Alfonso, quen se alegrou enormemente, pois descoñecía este acontecemento. Alfonso, formado na agradecida escola familiar e na calidade humana de seu pai, non parou dende entón de amosar a súa inmensa gratitude polo envío. En realidade, eu non fixen máis que seguir o ronsel dos bos e xenerosos, que se trataban de irmáns co norte posto sempre na defensa e engrandecemento de Galicia.
No nº 25 da revista de historia MURGUÍA foi publicada esta conferencia con un curto limiar. Inclúoa de novo aquí, engadindo algunhas correccións.
O Partido político que invitou a D. Valentín era Acción Nacionalista Vasca (ANV), en éuscaro Euzko Abertzale Ekintza (EAE). Endalí, os seu militantes recibían o nome de ekintzales.
Dende os anos 20 o nacionalismo vasco estaba dividido en dúas correntes: O Partido Nacionalista Vasco, PNV, a ponla máis radical, cuxos seareiros chamábanse aberrianos (de Aberri=Patria), e a Comunión Nacionalista Vasca, CNV, máis moderada e autonomista.
En novembro de 1930, durante a coñecida como a Dictabranda, celebrouse en Bergara (Gipuskoa) unha asemblea, na que se produciu a reunificación das dúas faccións.
Pero o 30 de novembro de 1930 militantes laicistas e progresistas, procedentes da CNV, aínda que tamén algúns do PNV, e nacionalistas independentes, asinaron en Bilbao o Manifesto de San Andrés, en resposta ao proceso de reunificación. Nove dos once asinantes proviñan da CNV. Este sería o manifesto fundacional de ANV, ben estudado por José Luis de La Granja na súa tese de doutoramento, publicada polo CIS, e máis recentemente por Eduardo Renobales, nunha obra editado por Txalaparta. Entre os fundadores salientaban Anacleto Ortueta, Tomás Bilbao, Justo Garate, Luis Urrengoetxea e Julián Basterra. Este participara como delegado da CNV, na compaña de Jesús Mari Leizaola, na Tripla Alianza de 1923 en Barcelona.
ANV tiña a súa forza fundamental en Bilbao, de onde proviñan a maioría dos fundadores, e en Barakaldo, xa que a Xuventude Vasca do PNV adheriuse a ANV en 1931. Os seus principais dirixentes pertencían a profesións liberais (médicos, avogados, contables etc.). Os seus voceiros xornalísticos foron “Acción Nacionalista”, editado en Bilbao de 1932 a 1933, e despois “Tierra Vasca”, entre 1933 e 1937, aínda que voltaría a saír do prelo no exilio, en Bos Aires, nos anos 50. Neste voceiro inseríanse novas e entrevistas a persoeiros galegos como Castelao ou Suárez Picallo. En Donostia, emporiso, o voceiro do PNV, o xornal “El Día”, ecoaba decote as novas sobre ANV, como é o caso concreto desta conferencia, que inseriu case enteiramente.
ANV posuía orixinariamente un ideario nacionalista moderado, aconfesional, pero non anticlerical, pois a maioría eran católicos, pero favorables á separación da Igrexa e do Estado, (fronte ao confesionalismo católico do PNV da época), socialdemócrata, federalista/confederalista, republicano, partidario de alianzas cas forzas republicanas e cos socialistas e gradualista en canto a aceptación do Estatuto de autonomía. De feito integrouse na conxunción republicano-socialista nas eleccións municipais de abril de 1931, co obxectivo de acadar o Estatuto de Autonomía para o país Vasco.
Neses comicios locais os aneuvistas obtiveron uns resultado aceptables (sete concelleiros en Bilbao, cinco en Baracaldo, dous en Donostia, dúas alcaldías en Biscaia) e representantes nas Comisións Xestoras das Deputacións provinciais. Mesmamente en Donostia un dos concelleiros, José Imaz, sería en 1936 representante de ANV na Xunta de Defensa de Gipuscoa co gallo do levantamento do 18 de xullo. Morrería en Catalunya durante a Guerra Civil, probablemente por mor dun bombardeo feixista, e o seu corpo non sería atopado polos familiares, segundo me contou unha filla, Miren Imaz, grande amiga e compañeira de profesión docente.
ANV foi soia ás eleccións a Cortes Constituíntes, celebradas o 28 de xuño de 1931, en Biscaia-capital, Biscaia-provincia, e dentro do bloco de esquerdas en Guiposcoa. Os resultados non foron bos. En Biscaia achegáronse ao 4% dos votos. En Guiposcoa o seu candidato, o intelectual Xusto Gárate, obtivo o 10% dos votos, pero quedouse a 200 de conquerir escano nas Cortes de Madrid.
A pesares da súa debilidade, ANV foi sempre unha forza férvedamente estatutista como banzo para acadar un Estado federal/confederal, con unha concepción unitaria de Euskadi, non foralista-provincial. Rexeitou, emporiso, o Estatuto de Estella de 1931 polo seu compoñente clerical. Pero amosouse seareira dos proxectos estatutarios posteriores dende 1932.
Nas eleccións xerais de novembro de 1933 presentouse en soidade e colleitou un novo fracaso. Mesmamente o día das eleccións, o 19 de novembro, produciuse un lutuoso acontecemento. Un militante de ANV, Hermenexildo Alvariño, nado en Galiza, que emigrou a Euskal Herria con 7 anos, foi asasinado por uns pistoleiros socialistas nun bar, localizado preto da sede aneuvista de Barakaldo. Ademais deste hai outros vencellos de ANV con Galiza, que xa mencionaremos.
O torpedeo da tramitación do Estatuto vasco durante o bienio radical-cedista (1933-35) provocou a radicalización dunha parte da militancia de ANV, que virou cara a esquerda. Este sector impúxose aos fundadores e moitos deles abandonaron o partido entre 1935 e 1936. ANV artellou un novo programa, definíndose como anticapitalista, aínda que non marxista, e avogando por un Estado vasco independente. Ingresou na Fronte Popular de 1936 sen lograr escano, mentres o PNV se presentaba ás eleccións en soidade, acadando resultados moi notables.
ANV, ademais dos órganos de prensa xa citados, contaba con locais de reunións, que a diferencia dos Batzokis peneuvistas, recibían o nome de Euzko Indarra (forza vasca). O local donostiarra foi inaugurado o 6 de decembro de 1931 e estaba situado no recuncho máis enxebre do casco vello, a rúa 31 de Agosto. Un nome moi simbólico para aos donostiarras, pois lembra un tristeiro sucedido: o incendio e case destrución da cidade polos aliados do Duque de Wellington na Francesada o 31 de agosto de 1813, mentres o corpo de exército galego loitaba con afouteza na sonada batalla de San Marcial, preto de Irún, dirixido polo xeneral Manuel Freire Andrade, fillo de galego. Tódolos anos se conmemora a data do incendio con un pomposo ritual e para o segundo centenario xa se están artellando numerosos actos.
En Donosti fundaron ANV importantes persoeiros locais: o médico Nemesio Mendizabal ( o seu primeiro presidente), José Gabarain, José Imaz, Antonio Otaño, José María Zabaleta, o poeta euskaldún Emterio Arrese, Fermín Mendizabal e Sagarzazu. Este sería o presentador de D. Valentín Paz Andrade na súa conferencia.
Sería conveniente lembrar que os vencellos de ANV co PG foron temperáns. O 6 de decembro de 1931 estaba anunciada a intervención nunha mesa redonda na compaña dos dirixentes de ERC, Ventura Gassol, Puig i Ferrater e Josep Riera Puntí, do galeguista Ramón Suárez Picallo co gallo da inauguración do local de Euzko Indarra. Non puido asistir por mor de que nas mesmas datas celebrábase a asemblea de constitución do Partido Galeguista.
O 2 de abril de 1933 ANV organizou un mitin trinacional no frontón Euskalduna de Bilbao, con intervención dos aneuvistas Juan Carlos Basterra e o avogado Luis Urrengoetexea, o dirixente de ERC Josep Riera i Puntí e Castelao, do PG. Estarían na Casa de Galicia de Bilbao, asinando no libro de Ouro: Castelao, Riera Puntí e Luis Areitioaurtena, dirixente de ANV, que coincidiría con Castelao en 1937 na Delegación Vasca de Barcelona co gallo da celebración do Aberri Eguna, xa en plena Guerra Civil.
Despois asinarían no Album da Casa de Xuntas de Gernika o pacto do mesmo nome, considerado como un precedente do Galeuzca ou Pacto de Compostela, selado o 25 de xullo de 1933. Pola banda de ANV asinaría este acordo o dirixente Sabín Seijo, de nidios devanceiros galegos como doado se infire do primeiro apelido. Poder verse máis abaixo a sinatura oito días máis tarde do Presidente do Consello de Ministro e despois Presidente da República, Manuel Azaña.
No vran do mesmo ano ANV tamén asinaría o pacto Galeuzca o 30 de xullo de 1833 en Bilbao na persoa de Andrés Perea. ANV non acudiría a Compostela o 25 de xullo, pero si participaría no Galeuzca, asinando o acordo en Bilbao durante a viaxe triangular.
Tamén sería pecado de lesa memoria esquecer os vencellos de ANV co Galeuzca de Bos Aires de 1945. José Olivares Larrondo, “Tellagorri”, fervente amigo e admirador de Castelao, era o redactor encargado de xestionar a revista Galeuzca, que se publicou entre 1945-1946, cos fondos que lle proporcionaba o Consello de Galicia. No libro de Iñaki Anasagasti “Castelao y los vascos” fican ben nidios estes vencellos e na Fundación Castelao existe correspondencia entre Castelao e Tellagorri.
-EPÍLOGO PERSOAL.-
Atrévome a emitir este sinxelo epílogo con unhas conclusións e impresións persoais que resumen para min a personalidade de D. Valentín. Teñen os seus alicerces nas lecturas das súas obras e escritos e das biografías, sobre todo as escritas por Xan Carballa e Tucho Calvo, despois dunha serea maduración persoal.
-1- D. Valentín debeu ser o líder do galeguismo na posguerra e non Ramón Piñeiro. Na súa persoa concitábase unha senlleira exemplaridade: fidelidade á mensaxe de Castelao e á legalidade republicana por unha banda e por outra unha sutil habilidade para sortear as fisuras do réxime, apesares de sufrir, sen renunciar á dignidade, as súas persecucións. E sobre todo unha íntima e inmaculada fidelidade a Galicia como tarefa liberadora. Este pensamento xa o amosaba en plena ditadura de Primo de Rivera, co gallo da celebración do 25 de xullo, Día de Galicia:
“Se O Día de Galicia non ha de sere unha xornada de rebeldía escontra ese hestórico malfado da raza, mais nos valera borral-a das calendas. Fuxamos de faguer do día de Galicia unha festa de retórica, unha orxía de literatura de circunstancias. Fagamol-a unha anual epifanía das arelas liberadoras que deben sahir de nós bruscas, quentes, vivas, coma aturuxos desafiantes e vibradores. Fagamol-a unha romaxe de fé nos destiños da nosa Terra, pra que os espritos se afervoen e tempre, cal se estiveran chamados a unha loita derradeira. Famol-a misa civil, onde somentes comulguen os que sempre leven na y-alma de Manifesto, o sagro nome de Galicia” (A NOSA TERRA, Idarium das Irmandades da Fala, nº 215, 25 de xullo de 1925. Día de Galicia”)
-2- Na transición tamén debeu ocupar un lugar máis sobranceiro pola súa integridade patriótica, a capacidade de conexión partidaria, o compromiso con Galicia e súa aptitude para aglutinar diferentes sectores sociais, políticos e económicos. Nun intre determinado foi quen de unir sectores diversos a prol da Autonomía, aínda que despois sufriría un certo desengado ao ver en que mans ficaba esta. O día da homenaxe a D. Avelino Pousa Antelo, celebrado o 22 de agosto pasado, comentábame Alfonso Paz Andrade un feito constante na historia recente de Galicia. Semella que na escola só somos quen de aprender a restar e dividir e sempre nos esquecemos da suma e da multiplicación.
-3- Por unhas ou outras razóns foi, á meu humilde entender, un persoeiro desaproveitado dentro das fileiras nacionalistas. O nacionalismo de dereitas o centro esquerda aparcouno pola súa fidelidade ó galeguismo republicano e federal e ó pensamento e á praxe de Castelao. Moitos estaban suxestionados pola estratexia piñeirista de galeguizar os partidos de ámbito estatal. O nacionalismo de esquerdas ligouno ás forzas do capital e tampouco soubo decatarse da súa habilidade estratéxica e aglutinadora nun intre histórico novidoso e difícil de avaliar axeitadamente. Puidera ser que incidiran as suspicacias derivadas da clandestinidade que vía pantasmas por cada recuncho do país. De tódolos xeitos coido que é unha figura ca obriga de recuperar. Neste senso é moi interesante o artigo publicado por Manuel López Foxo na revista dixital TERRA E TEMPO o 22 de abril do 2012, titulado “Redescubrir a Valentín Paz Andrade, sen prexuízos”. Escollo algunhas frases dabondo significativas:
“Ninguén lle pode negar a Paz-Andrade a súa lealdade a Castelao ao longo de toda a sús vida de compromiso firme e afervoado co destino da nosa nación.”
“Con demasiada frecuencia a disputa polo espazo político e a propia dialéctica das estratexias políticas partidarias, incluso a falta de ponderación á hora de xulgar determinadas figuras do nacionalismo, levounos a moitos e moitas de nós a estar en momentos decisivos en trincheiras contrarias, nun combate inútil para o futuro da nosa nación, mesmo non exento de estreiteza política e de descualificacións persoais cargadas de crueldade humana, onde o que menos brillou foi a fraternidade e a beleza da palabra.....”.
“Que moitas e moitos de nós esteamos a descubrir e a valorar aínda agora a súa personalidade e o seu traballo a prol do país non deixa de ser outra evidencia desa pobreza intelectual e política que nos impide enriquecer a nosa mente coa luz que irradian outras cabezas de ideas e sensibilidades non plenamente coincidentes coas nosas. Valentín Paz-Andrade amou Galiza como calquera de nós e o futuro do país foi para el a súa preocupación permanente...”.
“Creo que ten razón Xan Carballa cando di na súa Biografía de Valentín Paz-Andrade que pasados máis de trinta anos asalta a dúbida de se Galiza desaproveitou a oportunidade de ter en primeira fila política a unha persoa que enlazaba coa tradición do galeguismo republicano, mesmo se non sería Paz-Andrade idóneo para presidir os primeiros pasos pre-autonómicos, unha sorte de Josep Tarradellas galego”. Eu non teño a menor dúbida de que o país perdeu nese momento histórico unha oportunidade coa ausencia de Paz-Andrade nos primeiros pasos da autonomía galega, igual que perdeu Galiza a posibilidade de protagonizar outro papel na súa historia política máis recente co fracaso electoral do nacionalismo galego nas eleccións do 77 e do 79. Naquel contexto histórico, tan adverso para nós, Galiza precisaba o nacionalismo organizado e precisaba tamén de figuras como Valentín Paz-Andrade. Tiña daquela don Valentín 79 anos e cavilou que se quedaba na casa e renunciaba á loita, Galiza podería ter un soldado menos nas trincheiras do noso porvir. E implicouse como non o fixeron outras personalidades, nunha estratexia, certamente, que o nacionalismo galego non compartía, mais que encaixaba perfectamente co pensamento dun nacionalista que sempre considerou que a política era “práctica, negociación, discusións e saber aproveitar as oportunidades”. Aquela experiencia, tan ilusionante para el ao comezo, deixaríalle logo un pouso amargo que o levaría co paso do tempo á frustración e ao desengano. Pero ninguén pode dicir que Paz-Andrade contemplou o tempo da transición política desde o seu despacho, desde a comodidade de quen ve pasar a historia a través da televisión ou das páxinas do xornal. Sempre foi un home de compromiso e de acción, que nunca deixou de soñar e de loitar por outro futuro para a súa Terra: A vida virá sempre a sucos novos / para se facer fecunda / no grao de cada espiga.”
-4- Sen dúbida foi precursor e adiantado de dous elementos nos que fundamentan o crecemento económico os países modernos: a I+D+I e a emprendizaxe, sen esquecer os alicerces básicos de toda economía produtiva. Acáenlle moi ben a D. Valentín estas verbas que lle dedicou Luis Seoane na lonxincua data de 1973 e delas debían aprender tamén os desnortados economistas neoliberais de hoxe en día para solucionar a crise que nos asoballa:
“Sabe moi ben, trasmíteo toda a súa doutrina, que a economía galega non ten solución si non se usa de mellor xeito a imaxinación e non se abren camiños novos pra as finalidades industriales e comerciales vellas. Que non é cousa de andar ás pancadas en algo tan vital como é a economía” (“Figuracións”, La Voz de Galicia, 11-marzo-1973).
-5- Pertencía a unha xeración de insubornables, que mantiveron enfesto o mastro do galeguismo contra vento e maré e aos que sempre admirei: D. Francisco Fernández del Riego, D. Ricardo Carballo Calero, D. Antonio Odriozola, D. Ramón Otero Pedrayo, D. Jenaro Marinhas del Valle, D. Ramón Martínez López, D. Xaime Illa Couto, D. Isaac Díaz Pardo, D. Avelino Pousa Antelo, finado en agosto pasado, cada un dentro dunha concreta faciana de actuación. Ergueron a dignidade por bandeira, a autoidentificación por norte e Galicia como ineludible tarefa durante unha longa noite de pedra, na que era doado crebar eses valores.
Remataría, tanguendo a corda máis cordial de meu corazón, con este poema, “Non escoitedes...”, cheo de ánimo, esperanza e mensaxe de solidariedade, aínda que os tempos sexan escuros e as sombras da treboada ameacen o horizonte:
“Non escoitedes voz onde non trema
o vidro do seu tempo,
mainamente,
como na pel das augas treme a bris
tinguida no blancor dos amieiros.
Non escoitedes voz na que se esquezan
as raíces do barro que nos dóu
feitío de criaturas,
amor pra repartir cos semellantes
quentor do noso sangue.
Non escoitedes ecos em retorno
dos paredóns da morte.
A vida virá sempre a sulcos novos
pra se facer fecunda
no grao da cada espiga”
Pousa Nova do Mar, 1977.
(De Cen chaves de sombra)
Xosé Estévez.